Persoal pide licitar a xestión do lixo nas plantas de Nostián e Lousame

A folga na reciclaxe coruñesa continúa esta quinta feira.
Persoal da planta de Nostián durante unha xornada de folga nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Persoal da planta de Nostián, esta cuarta feira durante a xornada de folga (Foto: Nós Diario).

O presidente do comité da Unión Temporal de Empresas (UTE) Albada, que xestiona o tratamento de lixo de Nostián (A Coruña), Hadrián Canosa, instou o Goberno municipal a que "aclare que modelo quere para a planta" e comunique as "datas concretas" de publicación dos pregos de condicións.

Canosa tamén solicitou o informe económico do estudo de viabilidade aprobado a pasada segunda feira por parte do Executivo local para licitar a xestión da planta de residuos de Nostián e que "implica un cambio no modelo de xestión do lixo".

A respecto da reunión da mesa do convenio convocada para o día 14, sinalou que esperan que a empresa presente unha "proposta seria que permita afrontar unha negociación real e avanzar nun acordo definitivo".

En función do resultado desta cita, os traballadores decidirán en asemblea as seguintes "medidas" de protesta, "non descartando a convocatoria de máis xornadas de folga e mesmo intensificando a súa duración".

Segundo a CIG, esta cuarta feira, a segunda xornada de folga en demanda dun convenio "digno" tivo un seguimento de "100% do persoal" e unha actividade "mínima" nas instalacións. A protesta finalizará na xornada desta quinta feira.

Preocupación do persoal da Serra do Barbanza

O persoal da Mancomunidade Serra do Barbanza, entidade que xestiona o lixo en nove municipios -Porto do Son, Lousame, Noia, Muros, Carnota, Brión, Rois, Ames e Pontecesures- tamén amosa preocupación pola "inacción" da Administración ante a finalización do contrato de xestión da planta de Lousame.

"Levamos ano e medio sen que se convoque unha asemblea da entidade, nós preguntamos mais só vemos ocultismo desde a Mancomunidade", afirma José Ángel Brantuas (CIG), presidente do comité de empresa.

"Levamos dous anos avisando de que se acaban os prazos do contrato e da necesidade de que se redacten os pregos, mais nada, nin sequera se desenvolveu un plan de viabilidade da planta", láiase Brantuas.

Comentarios