"Imos pasalo mal": o sector pesqueiro galego alerta sobre o veto á pesca do xurelo

O portavoz da Asociación de Armadores de Cerco da Galiza (Acerga), Manuel Suárez, lamentou que unha das principais especies para a pesca galega como é o xurelo, que supón case 40% do que descarga a asociación, se recolla no acordo como 'pesca accesoria'.
Barco pesqueiro (Foto: Cepesca).
photo_camera Até 200 barcos de capital galego veríanse afectados de forma directa polo veto, segundo os cálculos da Xunta da Galiza (Foto: Cepesca).

Pescadores galegos cualificaron de "fatal" o acordo de repartición de pesca da Unión Europea (UE) coñecido esta terza feira, que suporá un "pau importante" para os armadores do cerco galegos e provocará unha "situación catastrófica" pola redución das capturas do xurelo.

O portavoz da Asociación de Armadores de Cerco da Galiza (Acerga), Manuel Suárez, lamentou que unha das principais especies para a pesca galega como é o xurelo, que supón case 40% do que descarga a asociación, se recolla no acordo como 'pesca accesoria'.

"Somos altamente dependentes do xurelo. Isto é un forte pau. Hai barcos onde máis de 60% depende desta especie para que agora se vexa reducida de 60% a un tope de 5%. Isto afectará as empresas armadoras e os portos que viven deste tipo de pesca; vano pasar mal", engadiu.

Para alén diso, Suárez non entende a decisión de Bruxelas de reducir as capturas do xurelo debido a que noutras zonas da UE non se protexeu a esta especie.

"Levamos coidando durante anos os nosos recursos. Desde hai dous anos temos topes de xurelo por persoa, 750 quilos ao día por cada mariñeiro, cando noutros sitios non se facía nada disto. Póñennos nunha situación moi complicada", sinalou Suárez.

Preguntado polo futuro da pesca galega, Suárez comentou que o ve como unha "situación catastrófica" para o cerco e o arrastre. "Imos reunirnos coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a Secretaría Xeral de Pesca para ver como afrontar esta situación. A ver que solucións nos dan", sentenciou.

"Todos os anos o mesmo"

En termos similares falou o presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, José Antonio Pérez Sieira, quen lamentou a situación que vivirá a pesca do xurelo o ano que vén, unha especie da que viven "todo o ano" moitos pescadores galegos.

Referiuse ás palabras do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, quen se mostrou "satisfeito" polas posibilidades de captura que terá o Estado para 2023.

"O ministro considérao como unha vitoria, porque contaba con cota 0 (para o xurelo). Pero isto non vale para nada. Todos os anos o mesmo", comentou en declaracións Pérez Sieira, indicando que peixes como a pescada si aumentaron cota, pero quizais non se chegue a ese máximo polo veto á pesca de fondo, que prohibiu a pesca en moitos caladoiros onde se captura esa especie.

Desde a Federación Galega de Confrarías indicaron que só na Galiza hai uns 150 barcos do cerco dedicados ao xurelo, ademais doutros 70 ou 80 buques de arrastre que tamén capturan esa especie e outras de artes menores.

Tamén a Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI) ve "preocupante" o impacto que as cotas do xurelo terán sobre a frota de cerco.

Así mesmo, nun comunicado, a ARVI lamentou que non se aproveitou este Consello de ministras e ministros de Pesca da UE para avanzar na discusión do axuste das 87 zonas de vedas da pesca de fondo aprobadas pola Comisión Europea hai unhas semanas.

Comentarios