O veto á pesca do xurelo podería deixar en terra barcos de artes fixas e arrastre

As cotas de capturas impostas por Bruxelas discutiranse este domingo.
Barcos pesqueiros na costa de Fisterra (Foto: Nós Diario).
photo_camera Barcos pesqueiros na costa de Fisterra (Foto: Nós Diario).

O sector pesqueiro galego agarda con intranquilidade a xornada do domingo, cando terá lugar unha cimeira de Ministerios dos Estados da Unión Europea (UE) para abordar decisións sobre os topes de capturas impostos desde Bruxelas para o vindeiro ano.

O principal medo que enfronta a frota galega é a intención da Comisión Europea de que sexa vetada a pesca de xurelo no Cantábrico. Para o sector, é posíbel abordar a recuperación da especie sen tomar decisións tan drásticas como coa sardiña. 

O fechamento destas pescarías tería un impacto moi negativo para distintas artes de pesca da frota galega, segundo explicou o presidente da Federación Estatal de Confrarías e patrón maior de Burela, Basilio Otero. 

"Se hai un TAC (cota de pesca) cero para o xurelo e atendemos á literalidade da obriga de desembarque, que di que calquera arte de pesca susceptíbel de pescar algunha especie que estea en veda ou que non teña TAC non poderá saír ao mar, a decisión sería moi prexudicial tanto para a pesca de arrastre como para as artes fixas no Cantábrico", afirmou Otero nesta quinta feira. "Poderíanos afundir", concluíu o representante das confrarías.

O impacto negativo do veto á pesca de xurelo sería un impacto a maiores do producido polo veto á pesca de fondo en 87 caladoiros do Atlántico.

Adega nega que conservar sexa o obxectivo do veto

Neste momento existen oito proxectos de eólica mariña propostos nas costas galegas. A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) sinala que o documento no que se basean as promotoras é o Plano de ordenación do espazo mariño, actualmente sen aprobar.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) estabeleceu unha moratoria até que haxa un marco normativo para estas instalacións, explica Adega. "O que debería facer o Miteco é crerse a súa propia moratoria e mandar unha mensaxe clara ás empresas de non admitir a trámite os proxectos", sinalou Fins Eirexas, secretario técnico de Adega. 

Eirexas nega que a intención de Bruxelas co veto á pesca de fondo sexa mellorar a conservación do fondo marítimo. Para sustentar esta afirmación, o secretario técnico de Adega pon como exemplo o parque eólico mariño Galwind, proxectado fronte á costa de Ortegal. 

"Dentro do polígono eólico non aparece afección algunha a hábitat de fondo cando o Ministerio na súa cartografía si detecta espazos de case tres quilómetros cadrados con eses hábitats protexidos que a Comisión Europea vetou á pesca de fondo", afirmou.

Comentarios