A Unión Europea marcou o seu récord de gasto militar anual con 214.000 millóns

A Unión Europea (UE) realizou un gasto militar récord en 2021 cun investimento total de 214.000 millóns de euros, seguindo a tendencia á alza dos últimos sete anos, segundo recolle o informe anual da Axencia de Defensa Europea (EDA, polas siglas en inglés). O bloque comunitario prevé aumentar esta cifra nos próximos anos. No Estado español, o investimento bélico subiu 60% en dez anos.
Evolución do gasto militar no Estado español entre 2014 e 2023 (Centre Delàs d'Estudis per la Pau / Nós Diario)
photo_camera Evolución do gasto militar no Estado español entre 2014 e 2023 (Centre Delàs d'Estudis per la Pau / Nós Diario)

O estudo da EDA sinala que os Estados membros aumentaron 6% o gasto con respecto a 2020, o maior crecemento interanual desde que a UE cambiou a súa tendencia en investimento militar e empezou a aumentar o gasto bélico a partir de 2015, unha vez superada a crise financeira.

Desde 2014, ano no que os Estados membros rexistraron un investimento máis baixo en Defensa, o incremento cífrase en 52.000 millóns, até 32% máis, nunha tendencia que seguirá os próximos anos cos compromisos adquiridos pola UE tras comezar a guerra en Ucraína.

18 Estados membros aumentaron o gasto militar en 2021, encabezados por Finlandia con 42% de incremento, seguida de Grecia (33%) e Eslovenia (27%).

A EDA valora a evolución no gasto militar como "positiva" e indica que pode axudar a compensar o gasto "insuficiente" da UE en materia de Defensa entre 2009 e 2018. En todo caso, incide na "necesidade de aumentar tamén o gasto de forma coordinada" pois, pese ao aumento dos proxectos militares conxuntos, a UE fica moi lonxe dos seus obxectivos de que estes representen 35% do total de investimento. Entre 2020 e 2021, este gasto conxunto pasou de 4.100 a 7.900 millóns de euros (3,7%).

Gástase "moi pouco" de forma coordinada

Para o Alto Representante da UE para Política Exterior, Josep Borrell, pese ao "longo camiño" percorrido na cooperación militar, na UE gástase "moi pouco" de forma coordinada. Por iso, reclamou que o aumento no gasto en Defensa vaia acompañado de investimentos conxuntos que "deben converterse na norma".

"Gastar non é suficiente, temos que facelo mellor, e iso significa facelo xuntos. Esta é a única forma de equipar eficazmente ás Forzas Armadas europeas para os desafíos futuros", subliñou.

O Estado español superará 2% do PIB en gasto militar no ano 2023 

A pesar do aumento do gasto militar en 2021 na UE, até oito Estados do bloque reduciron o seu gasto nesta materia. Porén, o Estado español non se atopa entre estas excepcións.

Segundo a análise dos Orzamentos Xerais do Estado español do Centre Delàs d'Estudis per la Pau, o gasto militar real (incluíndo todas as partidas militares, non só do Ministerio Defensa) foi de 21.623 millóns de euros, até 1,8% do Produto Interior Bruto (PIB) e 9,4% máis do investimento do ano 2020.

Unha cifra que volveu aumentar en 2022, cando alcanzou os 24817,61 millóns de euros (1,98% do PIB), rozando o limiar de 2% do PIB que o presidente do Executivo estatal, Pedro Sánchez, marca como obxectivo, e cunha suba de 14,8%.

O orzamento bélico español estimado para 2023 é de 27617,43 millóns, até 2.17% do PIB e 11,3% máis que no ano 2022. Entre 2014 e 2023 (de cumprirse o orzado para 2023)o aumento do gasto foi de 60%.

Comentarios