Mar aínda non executou 83,9% do orzamento de pesca

A oposición critica a Consellaría por "non facer nada".
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, no Parlamento galego. (Foto: Conchi Paz)
photo_camera A conselleira do Mar, Rosa Quintana, no Parlamento galego. (Foto: Conchi Paz)

A Consellaría do Mar deixou sen executar 83,9% dos orzamentos de programas dedicados á pesca. De acordo coa conta xeral da Xunta da Galiza, feita pública a semana pasada, a Consellaría tan só executou 16,1% do orzamento correspondente aos programas de pesca, co que, dun total de 18 millóns de euros, o Executivo galego deixou sen executar 96,2 millóns.

Ademais, no ano 2021 a Xunta só executou 41,2% do crédito inicialmente dispoñíbel; no ano 2019, apenas 50,9%, e en 2018, 47,8 por cento.

Así o denunciou esta terza feira a través dunha pregunta oral na Comisión de Pesca do Parlamento da Galiza, a deputada do PSdeG, Patricia Otero que cualificou de "inaceptábel"o baixo grao de execución dos orzamento da Consellaría do Mar.

Otero criticou que "ano tras ano deixan moitísimo diñeiro sen executar que podería servir de axuda e de impulso a un sector que afronta grandes dificultades", e sinalou que "en vez de traballar a prol de axudar, gastan os folgos en criticar con mentiras".

Fondos Femp

A deputada socialista alertou do risco desta baixa execución cando o "próximo ano vai rematar do prazo para a execución dos Fondos Femp [Fondo Europeo Marítimo e de Pesca] e vemos como os cartos están sen executar" co que se perderán sen que o Goberno galego "faga nada". Apuntou a un problema "estrutural" da Consellaría no que "teñen que traballar".

A secretaria xeral técnica da Consellaría do Mar, Silvia Cortiñas, recoñeceu a baixa execución orzamentaria mais alegou que esta "se debe adecuar ás normativas europeas polo que non depende só da Xunta" ao tempo que dixo que "as cifras deben lerse no seu contexto".

O BNG, a través da súa deputada, Rosana Pérez, tamén criticou "a sangría" que se vive na Consellaría do Mar ao tempo que criticou a "mingua da produtividade" na ría de Arousa, ante a que a Xunta da Galiza "non actúa".

Comentarios