Duro golpe para a frota galega: o xurelo evita o 'cupo cero' pero só poderá capturarse de forma accidental

O ministro Luis Planas celebra un "histórico" acordo para a repartición de cotas en 2023 que a Xunta cualifica de "malo" para os intereses pesqueiros da Galiza.
Pescadores no peirao de Burela, en abril de 2021 (Foto: Carlos Castro / Europa Press) #pesca #frota #poem #eólicamariña #sectorpesqueiro #economía
photo_camera Pescadores no peirao de Burela, en abril de 2021. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Os ministros de Pesca da Unión Europea alcanzaron esta terza feira un acordo para os Totais Admisíbeis de Capturas (TAC) e cotas para 2023 que duplica a parte correspondente de pescada sur para o conxunto do Estado español a respecto do presente ano 2022, un aumento que o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, cualificou de "histórico".

O ministro celebrou o acordo logrado tras unha negociación "longa, complexa e difícil" da que o Goberno español sae "satisfeito" por obter para a pescada sur unha contía global de 9.953 toneladas para 2023, "a mellor cifra dos últimos oito anos e a segunda mellor do século". Desta cifra, que supón un grande incremento en comparanza co aumento de 10% que expuña a proposta inicial da Comisión Europea, beneficiaranse 1.200 barcos da Galiza, Asturias, Cantabria e Euskadi.

O acordo chegou tras máis de 22 horas consecutivas de negociacións na segunda xornada da reunión, precedida por un encontro inicial o domingo, día en que Planas xa augurou un "maratón pesqueiro". Tamén a cota de cabala rexistrou un aumento de 20% que prevé para o Estado español 29.439 toneladas desta especie capturada hoxe por uns 900 barcos no Cantábrico e que supón deixar atrás as 5.500 toneladas de multa até o ano pasado, polo que Planas deu esta situación por "recuperada".

Mentres, a cota do xurelo pasou do TAC 0 que propuña Bruxelas a unha cifra revisada de 3.271 toneladas de capturas accesorias, o que se traduce en 4% das 70.000 de 2022. Isto, segundo Planas, mostra que o stock se atopa "en malas condicións". "Aínda queda traballo por facer pero o resultado é positivo dentro do contexto", engadiu.

En relación ao abadexo, o linguado e as unidades funcionais de lagostino, o ministro sinalou que o Estado español "cumpriu" tamén os seus obxectivos ao lograr o mantemento das cotas pesqueiras asignadas fronte ás reducións que expuña a Comisión, de 11% no caso do linguado, de 10% para o abadexo e de 36% para o lagostino.

Outro tema que Planas cualificou de "complexo", debido ao número de Estados membro implicados, foi a pesca da anguía, para a que se chegou a un acordo de veda de seis meses de forma continuada ou ben en dous períodos de tres meses consecutivos, como pedía Planas. Por último, destacou que tivo gran atención por parte dos Estados membro e o sector pesqueiro a proposta do Estado español, Francia e Portugal de fixar cotas plurianuais co propósito de acabar coas "sesións nocturnas interminábeis" que soen protagonizar as reunións de ministros de Pesca e organizar mellor o traballo do consello.

Negociacións co Reino Unido e Noruega

No relativo ás negociacións con Reino Unido, Planas confirmou que non se concluíu o acordo, aínda que, en relación co bonito, o Estado español conseguiu, por vez primeira, licenzas para acceder a augas británicas. Mentres, a respecto da pescada norte prodúcese un incremento de cota de 5%; tamén o peixe sapo da zona VII sobe 11% e o rapante da zona VII, 14%.

Tampouco se culminou un acordo con Noruega, con negociacións bloqueadas que forzaron a adopción de cotas trimestrais, como ocorreu o ano pasado con Reino Unido, para evitar que a frota teña que deter a súa actividade.

A Xunta critica o acordo

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, cualificou de "mal acordo" a repartición pactada para 2023, augurando "moitas dificultades" para determinados segmentos da frota galega como o cerco. Nunha entrevista na Radio Galega, Quintana lamentou que Bruxelas só tivese en conta certos informes científicos dos que dispoñen para reducir as capturas de especies como o xurelo.

Neste senso, lembrou a situación vivida anos atrás coa pescada, que sufriu un recorte de cotas durante varios exercicios até que se descubriu un erro no modelo de cálculo, polo que o stock era moito maior do estimado. "O xurelo pode estar a pasar unha situación semellante", reivindicou, indicando que este ano a UE duplicou a cota da pescada. Tamén criticou o aumento da veda da anguía, que pasa de tres a seis meses.

A pesar de todo, a titular de Mar recoñeceu que "non será un ano dos peores" para os mariñeiros galegos, grazas ao incremento da cota de especies como a pescada, o peixe sapo, o linguado ou o abadexo. Preguntada sobre se haberá barcos galegos parados após esta decisión, Quintana esperou que iso non ocorra, engadindo que en caso de darse esta situación, os gobernos territoriais terían que falar co Ministerio de Pesca para pór en marcha algún tipo de axudas.

Comentarios