O ministro Planas afirma que Bruxelas excluirá 41 dos 87 caladoiros do veto á pesca de fondo

O ministro Luis Planas confirmou que o Executivo estatal non ten previsto estabelecer axudas temporais.
Embarcacións de pesca no porto de Celeiro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Embarcacións de pesca no porto de Celeiro. (Foto: Nós Diario)

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, anunciou esta quinta feira en Vigo que Bruxelas accedeu a excluír do veto á pesca de fondo 41 dos 87 caladoiros afectados polo novo regulamento da Comisión Europea.

Estes caladoiros contan cunha profundidade de entre 0 e 400 metros, inferior á que estabelece a norma, que restrinxe os fondos mariños de entre 400 e 800 metros de fondo.

Así o sinalou Planas durante a súa visita á Feira Internacional de Produtos do Mar conxelados (Conxemar), onde explicou que desta maneira o veto só afectará 46 caladoiros do Océano Atlántico no canto dos 87 inicialmente previstos.

Segundo o titular de Pesca, isto é un "avance" e unha "primeira vitoria", xa que permitirá á frota comunitaria seguir faenando nestes espazos, aínda que asegurou que o Executivo estatal presentará de igual maneira o recurso ao regulamento de Bruxelas.

Sen petición de suspensión cautelar

Con todo, o ministro recoñeceu que o Goberno español non pedirá unha suspensión cautelar da entrada en vigor do veto, prevista para este domingo, aludindo razóns xurídicas para non facelo.

Preguntado pola posibilidade de estabelecer axudas temporais ao sector, debido a que moitos barcos terán que parar a súa actividade por esta decisión, Planas indicou que o Goberno de Pedro Sánchez "non está aí". Unhas axudas que na cuarta feira foran demandadas polo deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.

Comentarios