A cota para o xurelo caerá en máis de 95% en 2023

O acordo entre os Estados da Unión Europea (UE) relativo aos Totais Admisíbeis de Capturas (TAC) e cotas de peixe para o ano 2023 rematou cunha decisión sobre o xurelo que non releva a pesca desta especie ao TAC cero, mais deixa a cota de capturas na pesca accidental e en menos de 5% das permitidas en 2022.
A frota galega beneficiarase do aumento da cota permitida para as capturas de pescada sur (Foto: Nós Diario).
photo_camera A frota galega beneficiarase do aumento da cota permitida para as capturas de pescada sur (Foto: Nós Diario).

Representantes do sector pesqueiro galego cualificaron de "fatal" o acordo de repartición de pesca da UE coñecido esta terza feira, que suporá un "pau importante" para os armadores de cerco galegos e provocará unha "situación catastrófica" pola redución das capturas do xurelo. 

O portavoz da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Acerga), Manuel Suárez, lamentou que unha das principais especies para a frota como o xurelo, que supón case 40% do que descarga esta asociación, se recolla como accesoria. 

"Somos altamente dependentes do xurelo. Isto é un forte pau. Hai barcos en concreto onde máis de 60% depende desta especie para que agora se vexa reducida de 60% a un tope de 5%. Isto afectará as empresas armadoras e os portos que viven deste tipo de pesca vano pasar mal", engadiu Suárez.

En termos similares falou o presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, José Antonio Pérez Sieira, quen lamentou a situación que vivirá a pesca do xurelo o ano que vén, unha especie da que viven "todo o ano" gran parte da frota.

"O ministro considérao como unha vitoria, porque contaba con cota cero (para o xurelo). Mais isto non vale para nada. Todos os anos o mesmo", dixo Pérez Sieira, indicando que especies como a pescada si aumentaron cota, mais que quizá non se chegue a ese máximo polo veto á pesca de fondo, que prohibiu a pesca en moitos caladoiros onde se captura.

A Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI) ve "preocupante" o impacto que a cota do xurelo terá sobre a frota de cerco. Porén, considera "satisfactorio" o resultado para a frota de Gran Sol, que continúa pendente da negociación entre a UE e Reino Unido sobre os stock compartidos.

Acordo do Consello

Os Ministerios de Pesca da UE alcanzaron esta terza feira un acordo para os Totais Admisíbeis de Capturas (TAC) e cotas no peixe para 2023 que duplica a parte correspondente de pescada sur para o conxunto do Estado español a respecto do presente ano 2022, do que se beneficiaran 1.200 barcos da Galiza, Asturies, Cantabria e Euskadi. O ministro español de Pesca, Luis Planas, cualificou o aumento de "histórico".Porén, a cota do xurelo pasou do TAC cero que propuña Bruxelas a unha cifra revisada de 3.271 toneladas de capturas accesorias, nin 5% das 70.000 de 2022. 

Outro tema que Planas cualificou de "complexo", debido ao número de Estados implicados, foi a pesca da anguía, para a que se chegou a un acordo de veda de seis meses de forma continuada ou ben en dous períodos de tres meses consecutivos, tal e  como pedía o ministro español. 

Por último, Planas destacou que tivo gran atención por parte dos Ministerios da UE e o sector pesqueiro a proposta dos Estados español, francés e portugués de fixar cotas plurianuais co propósito de acabar coas "sesións nocturnas interminábeis" que soen protagonizar as reunións do Consello Europeo de Pesca.

Negociacións co Reino Unido e con Noruega

No relativo ás negociacións con Reino Unido, Planas confirmou que non concluíron, aínda que, en relación co bonito, o Estado español conseguiu, por vez primeira, licenzas para acceder a augas británicas. Tampouco se culminou un acordo con Noruega, con negociacións bloqueadas que forzaron a adopción de cotas trimestrais, como ocorreu o ano pasado con Reino Unido, para evitar que a frota teña que deter a súa actividade.

Críticas da Xunta

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mostrou esta terza feira o seu desacordo coa repartición dos TAC e cotas para 2023 selado na UE. "Estamos a analizar o detalle, mais en principio non podemos ser optimistas nin darnos por satisfeitos nin moito menos", advertiu o presidente.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, cualificou de "mal acordo" a repartición pactada para 2023, augurando "moitas dificultades" para determinados segmentos da frota galega como o cerco. Nunha entrevista na Radio Galega, Quintana lamentou que Bruxelas só tivese en conta certos informes científicos dos que dispoñen para reducir as capturas de especies como o xurelo. 

Neste senso, lembrou a situación vivida anos atrás coa pescada, que sufriu un recorte de cotas durante varios exercicios até que se descubriu un erro no modelo de cálculo, polo que o stock era moito maior do estimado. "O xurelo pode estar a pasar unha situación semellante", reivindicou Quintana.

O BNG denuncia "unha hecatombe" para o cerco

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e a deputada nacionalista Rosana Pérez, denunciaron o "mantemento dos recortes para o sector pesqueiro galego no vindeiro ano". “Inevitabelmente temos que rebaixar o optimismo do ministro Planas”, sinalou Miranda, que tamén criticou unha política pesqueira común que "supuxo o desmantelamento de 1.400 barcos galegos desde 2004".

Pola súa parte, Pérez afirmou que a decisión tomada sobre o xurelo é “unha absoluta hecatombe” para o sector do cerco galego. A deputada cualificou de "inexplicábel" que se pase de 70.000 toneladas correspondentes a 2022 a 3.200 toneladas para o ano 2023. Así mesmo, Pérez considerou que "se esta cantidade é a definitiva é necesario activar un plan de medidas compensatorias para o sector".

Comentarios