A Comisión Europea mantén o fechamento da pesca do xurelo pese á presión da frota

As negociacións das cotas continúan após dúas xornadas sen consenso.
Embarcación pesqueira no porto do Grove (Foto: Luna Marina).
photo_camera Embarcación pesqueira no porto do Grove (Foto: Luna Marina).

A principal preocupación da frota galega con respecto ás negociacións sobre as cotas de captura que están tendo lugar en Bruxelas ten que ver co Total Admisíbel de Capturas (TAC) cero que a Comisión Europea propón para o xurelo, especie na que a Unión Europea (UE) ten intereses compartidos co Reino Unido, e sobre o que espera un acordo final que evite ter que recorrer a unha programación trimestral como ocorreu durante o pasado ano.

Respecto ao xurelo, a representación do Estado español mostrouse especialmente preocupada polas zonas de augas comunitarias da II á XIV, compartidas co Reino Unido, e o caladoiro do Cantábrico da zona VIIIc, dado o seu interese para moitas das frotas estatais, como a galega.

A formulación do Estado español é que o TAC do xurelo sexa distinto a cero para que determinadas frotas non teñan que deter a súa actividade, unha flexibilidade que, segundo critican fontes do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, vese "diluída" no novo texto proposto esta segunda feira pola Presidencia checa do Consello, polo que consideran que aínda queda "bastante que negociar".

A pesar diso, as negociacións co Reino Unido avanzan este ano "en boa dirección", a falta dun acordo final que terá o xurelo como principal punto de discrepancia, mentres que o diálogo con Noruega vai "bastante peor", xa que se detivo nos últimos días dada a "preocupante actitude do país", polo que é posíbel que deban acordarse cotas trimestrais, como se fixo co Reino Unido o ano pasado, para garantir o mantemento da actividade, sinala o Ministerio español.

Outras especies

O Estado español mantivo no segundo día de negociacións a súa reclamación de aliviar as reducións en capturas de abadexo e linguado no Atlántico, segundo sinalaron fontes ministeriais.

A proposta inicial da Comisión Europea para os TAC e as cotas para 2023, que se mantén sen grandes cambios ao texto do Consello, expón recortes para especies como o linguado (-11%), o lagostino do Cantábrico (-36%) ou o abadexo (-10%) no mar Atlántico, para as que o Estado español pide unha baixada menor, aínda que non puxo aínda sobre a mesa ningún obxectivo concreto.

Tamén hai dificultades na negociación sobre o fechamento de seis meses consecutivos que Bruxelas perfila para a pesca de anguía e angula, sobre o que o Ministerio español propón que se faga de tres en tres meses, aínda que recoñece que a situación biolóxica de partida das especies é "complicada".

Rexeitamento da Xunta

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, advertiu esta segunda feira de que "o que hai até o momento" nas negociacións para estabelecer a repartición de cotas de pesca para 2023 "é insatisfactorio totalmente" para a Galiza. 

A titular de Mar sinalou que "a verdade é que lamentabelmente" a nova proposta recibida da Presidencia checa "non aclara moito máis do que xa había". "Non resolve", avisou, "os problemas nin co xurelo nin coa anguía".

Quintana destacou que esta proposta "suprime a flexibilidade que viña existindo de poder capturar en 2023 5% das posibilidades de captura de 2024 e tampouco permite a flexibilidade de que, no caso de que non se poida pescar en 2023, pasar até  10% a 2024". En consecuencia, recoñeceu, a situación é "complexa".

"Chove sobre mollado", denuncian desde as confrarías

A federación estatal de confrarías de pescadores rexeitou esta segunda feira a prohibición de pesca do xurelo que propón a Comisión Europea e considerou que con isto "chove sobre mollado" tras o veto á frota de fondo. O presidente da federación e patrón maior de Burela, Basilio Otero, recoñeceu que hai "preocupación" e intúe que "haberá un problema grande" en caso de chegar a materializarse a prohibición.

Con todo, Otero dixo confiar en que si "dean unha cota de xurelo, aínda que sexa pesca accesoria, e non se prohiba, porque sería moi prexudicial para o arrastre, para as artes menores e para as artes fixas". De producirse, avisou, sería "custoso para o cerco, porque é unha das principais especies que captura", mais anticipou que dita medida "afecta a todas as embarcacións, salvo as que traballan con marisqueo nas rías".

Comentarios