O mercado regulado para "parvos" non interesa ás grandes eléctricas

O presidente de Iberdrola faltou ás persoas que apostan neste sistema, pensado para protexer á clientela máis vulnerábel.
Ignacio Sánchez Galán, presidente de Iberdrola (David Zorrakino / Europa Press).
photo_camera Ignacio Sánchez Galán, presidente de Iberdrola (David Zorrakino / Europa Press).

O presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, non dubidou en cualificar de "parvas" as persoas acollidas ao mercado regulado da luz, que representan máis de 11 millóns no conxunto do Estado español. 

Fíxoo esta quinta feira durante un acto en Sagunto (Valencia) no que explicou que "80% dos españois non pagan o prezo do 'pool'", en referencia ao mercado almacenista, que fixa os prezos diarios por franxas horarias e que non só serven de referencia nos contratos da tarifa regulada, senón tamén boa parte dos do mercado libre. 

Segundo Galán, as persoas con contratos de enerxía no mercado libre "están a pagar menos prezo que no ano 2018, porque baixaron os impostos". 

De feito, este é un dos motivos que levaron a moitos fogares galegos a dar o salto da tarifa regulada ao mercado libre, mesmo liderando a taxa de cambio a nivel estatal. Porén, ese cambio non sempre implicou un cambio de compañía. De feito, segundo explican fontes coñecedoras do sector, as grandes eléctricas son as primeiras interesadas en que se produzan eses cambios. 

Para iso válense de estratexias comerciais nas que ofrecen un prezo fixo por megawatt máis baixo que o prezo medio do mercado regulado ─aínda que algúns días e a determinadas horas queda por riba deste─. Fano grazas a que tamén contan con filiais xeradoras e distribuidoras de enerxía, o que lles permite fechar contratos internos para que as comercializadoras poidan facer estas ofertas.

O resto de firmas do mercado libre non teñen esta marxe de manobra. Con todo, é previsíbel que, de saír adiante a 'solución ibérica' para o mercado da enerxía, a tarifa regulada volva ser, como así a concibiu o Goberno español, a tarifa óptima para consumidoras vulnerábeis.

Estratexia comercial

Esta sexta feira, un día despois das declarcións de Galán, Iberdrola anunciou o inicio dunha campaña na que anima ás persoas consumidoras a subscribir contratos de subministración eléctrica a través do mercado libre por ser máis baratos que a tarifa regulada polo Goberno español.

"Aforro, estabilidade e seguridade son as propostas polas que aposta a compañía, fronte aos contratos sometidos ás incertezas e á conxuntura dun mercado regulado e inestable", destacaron desde a eléctrica.

Na mesma liña, engadiron que "España é o único país de Europa cuxa tarifa regulada cambia cada hora, o que xera aos clientes máis dúbidas e incerteza", e aseguraron que queren demostrar a cidadanía que un prezo "menor e máis estábel" é posíbel.

Comentarios