mércores 22/09/21

Iberdrola sondea Galiza para un gran proxecto de eólica mariña flotante

A eléctrica prevé instalar 2.000 megavatios de enerxía eólica mariña na costa española nos vindeiros anos
Muíño do proxecto Windfloat Atlantic, participado por Repsol, no Porto de Ferrol (Imaxe: Repsol)
Muíño do proxecto Windfloat Atlantic, participado por Repsol, no Porto de Ferrol (Foto: Repsol)

Iberdrola mantén a súa aposta pola enerxía eólica mariña. De feito, a compañía presidida por Ignacio Galán pretende desenvolver o primeiro proxecto de enerxía eólica mariña flotante no Estado español a escala industrial e, entre as súas posíbeis localizacións, sitúa a costa galega. 

Cun investimento de máis de 1.000 millóns de euros, a enerxética pretende levantar un parque eólico de 300 megavatios (MW) e, ao mesmo tempo, desenvolver a cadea de valor desta tecnoloxía, que xa ten na Galiza un dos seus elos, concretamente no estaleiro de Navantia Fene, onde se constrúen as estruturas que suxeitan estes muíños. 

A idea de Iberdrola é presentar este proxecto aos fondos europeos do programa Next Generation EU, ao estar aliñado cos piares do Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Goberno español. Ademais, considera que este proxecto sería a punta de lanza para o desenvolvemento de até 2.000 MW eólicos mariños flotantes que a compañía identificou e que poderían levantarse na costa galega, na andaluza ou nas Illas Canarias.

O estudo, deseño e enxeñaría deste primeiro parque eólico mariño flotante podería iniciarse este ano e até a súa entrada en operación, prevista en 2026, xeraría máis de 2.800 empregos anuais e requiriría a participación de 66 empresas e centros tecnolóxicos, incluíndo 52 pemes.

A curto prazo, no escenario 2021-2022 e antes do arranque da fase de construción, a iniciativa podería xerar entre 1.000 e 2.000 empregos.

Iberdrola sinala que poría así en valor as capacidades dun tecido industrial que contribuíu a crear nos últimos anos, no que a compañía colaborou con provedores como Navantia, Windar, Ingeteam ou Haizea Wind para a construción de compoñentes críticos dos seus parques eólicos mariños Wikinger (Alemaña) e East Anglia One (Reino Unido) e os que mantén en desenvolvemento, como é o caso de Saint Brieuc (Francia).

O proxecto forma parte das 150 iniciativas presentadas pola compañía ao programa Next Generation UE, que mobilizarían investimentos por valor de 21.000 millóns de euros e involucrarían por centos de pequenas e medianas empresas, chegando a xerar 45.000 postos de traballo ao ano, segundo apuntan desde a eléctrica.

comentarios