Portugal comeza a producir enerxía eólica mariña cos muíños de Navantia

Repsol, EDP, Engie e Principle conectan a primeira plataforma eólica mariña do seu proxecto WindFloat Atlantic á rede eléctrica de Portugal.
Parque eólico mariño ao norte de Europa
photo_camera Parque eólico mariño ao norte de Europa

Portugal avanza na descarbonización da súa economía. O país veciño vén de conectar á rede a primeira das plataformas de enerxía eólica mariña do parque WindFloat Atlantic, un proxecto no que participan Repsol, EDP Renováveis, Engie e Principle Power. 

A plataforma, que conta co maior aeroxerador instalado nunha infraestrutura flotante no mundo, cunha potencia de 8,4 megavatios (MW) conectouse á rede o pasado 31 de decembro. A esta sumaranse outras dúas unidades, unha delas procedente do porto de Ferrol, onde ensamblaron os 'jackets' fabricados nos estaleiros de Navantia, até completar os 25 MW do parque, que poderá subministrar enerxía suficiente para cubrir a demanda de 60.000 usuarias ao ano.

O consorcio, que contou co apoio, vía financiamento, do Goberno de Portugal, a Comisión Europea e o Banco Europeo de Investimentos (BEI), destacou nun comunicado que a posta en marcha deste parque eólico posibilita o acceso a áreas mariñas sen precedentes e supón un avance tecnolóxico relevante de cara a reducir a dependencia do país dos combustíbeis fósiles. 

Deseño novidoso

As plataformas do proxecto Windfloat Atlantic están ancoradas ao leito mariño por cadeas a máis de 100 metros de profundidade. Ademais, están deseñadas para que poidan trasladarse con remolcadores convencionais, a diferenza das instalacións fixas que, ao ter un maior calado, requiren de buques máis caros para o seu transporte. A segunda das plataformas, construída ao igual que a primeira nos estaleiros lusos de Setúbal, está desde hai uns días no seu emprazamento definitivo. A terceira, que leva selo galego, partiu das augas do porto de Ferrol esta mesma semana camiño de Portugal. 

Comentarios