“Hai que combater esa falacia interesada de que non é posíbel outro modelo de economía e sociedade”

Falamos con Miguel Malvido, secretario confederal de Emprego, da campaña impulsada por este sindicato para situar o debate sobre o paro, as causas e as alternativas, no epicentro do debate.

Miguel Malvido
photo_camera Miguel Malvido

Ao longo desta semana, diversas marchas a pé polo emprego percorreron as comarcas de Galiza coa participación de centos e centos de persoas. Marchas que teñen este sábado en Compostela o seu broche de ouro cunha manifestación nacional. Estas mobilizacións, convocadas pola CIG, enmárcanse na campaña polo crecemento económico e a creación de traballo impulsada polo sindicato nacionalista. O secretario confederal de Emprego, Miguel Malvido, fala destas iniciativas para Sermos Galiza.

Que pretende a CIG con esta campaña?

En primeiro lugar, demostrar que existen alternativas ao que existe actualmente. Coa desculpa da crise apróbanse medidas e desenvólvense políticas lesivas para a cidadanía e que se 'venden' como se fosen as únicas posíbeis. Pois ben, con esa campaña desde a CIG dicimos que iso non é así. Aí están as 100 propostas que realizamos nesta campaña en ámbitos como o laboral, o económico, o financeiro, o fiscal ou o enerxético, entre outros.

Tamén falan de xerar un debate

Queremos que se visualice que a gravidade da situación na que nos atopamos. O desemprego, a emigración (78.000 mozos marcharon nestes catro anos), a pobreza, a precariedade... todo iso ten que ser enfrontado. Por iso a necesidade de combater a falacia interesada de que non se pode facer nada. E para iso hai que dar o debate alí onde sexa preciso: na sociedade e tamén no parlamento, por iso impulsamos unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) en torno ao emprego.

Insiste na necesidade de derrotar a idea de que non hai alternativa...

Claro, iso é moi importante. Xeraron un clima coa crise de que non se pode facer nada ante o que está a acontecer. E hai outra maneira de entender a economía, outra maneira de entender como debe ser unha sociedade, como debe de ser o noso país. E nós temos claro que cremos noutro modelo e que estamos a traballar por el.

E que papel xogan aí os sindicatos?

A CIG, o que está a xogar. Dinamizar, mobilizar, que se visualice que a situación actual é de conflito. Mais tamén temos propostas, proxectos... e iso amosámolo nesta campaña. Poñemos sobre a mesa 100 medidas para crear emprego. Son diversas, diferentes, en sectores e eidos distintos. Mais poden aplicarse e procurar así o crecemento económico e lograr crear emprego

Comentarios