Greenalia ve nas sentenzas do TSXG contra os seus parques eólicos "meras sospeitas de dano ambiental"

O criterio dos xuíces para tombar os proxectos Campelo e Bustelo, sostén a enerxética, baséase en "meras sospeitas de dano ambiental de proxectos que foron sometidos, durante meses e mesmo anos, a rigorosos procedementos de avaliación de impacto ambiental".
Parque eólico de Miñón (Greenalia).
photo_camera Construción do parque eólico Miñón. (Foto: Greenalia)

A compañía enerxética Greenalia alerta sobre "a inseguridade xurídica que está a xerar" para o desenvolvemento de proxectos industriais na Galiza o criterio que aplica o TSXG na sentenza relativa aos parques eólicos Bustelo e Campelo, cuxas licenzas outorgadas pola Xunta foron anuladas alegando "indebida fragmentación" dun único proxecto en tres —a estes dous sumaríase Monte Toural, hoxe paralizado cautelarmente á espera de veredicto— e mais irregularidades no referido aos trámites de información pública. A empresa salienta que a postura dos xuíces "non está amparada en ningún precedente do Tribunal Supremo"; de feito, o alto tribunal sentará xurisprudencia cando se pronuncie sobre o caso de Campelo, recorrido pola propia Administración.

É un criterio que se fundamenta, ao seu xuízo "na maioría dos casos", nas "meras sospeitas de dano ambiental de proxectos que foron sometidos, durante meses e mesmo anos, a rigorosos procedementos de avaliación de impacto ambiental", xustifican desde Greenalia. Neste senso, engaden que esta "particular doutrina" do TSXG resultaría "contraria coa literalidade" dun artigo da Lei de avaliación ambiental, que dispón que a solicitude de informes sectoriais ás administracións "farase simultaneamente ao trámite de información pública", cuestión tamén defendida pola Xunta.

Fronte a isto, apunta que agora o TSXG considera que no procedemento "deberían tramitarse primeiro as peticións dos informes sectoriais e despois abrir a fase de información". Todo iso fundado nesas "meras sospeitas de dano ambiental", reitera a enerxética, cuxo órgano de administración mantivo unha reunión co equipo xurídico para analizar en profundidade o expediente.

Lembran que son "varios" os proxectos que teñen imposta unha medida cautelar na Galiza pola mesma sala do TSXG ao abeiro deste criterio, e que este número "se prevé" que poida aumentar "nos próximos meses", coas consecuentes "importantes perdas" a nivel económico. No relativo a Bustelo, de feito, a compañía investira xa "máis de 7 millóns de euros", polo que censura que a cautelar fose aprobada "sen solicitar á demandante [a asociación ecoloxista Adega] ningún tipo de fianza".

De manter a aplicación deste criterio, avisa, "non só afectaría os proxectos de parques eólicos, senón calquera proxecto industrial que precise dunha declaración de impacto ambiental para a súa tramitación". Por iso, subliña que "acata e respecta" a decisión do alto tribunal galego, mais alerta sobre a "inseguridade xurídica" e engade entre as súas implicacións o "impacto na execución dos PPAs —acordos de subministración a longo prazo— asinados coas industrias". Tamén, entre os efectos, advirte dos "compromisos" cos propietarios sobre os que se implantan as instalacións e sobre "a propia viabilidade económica das empresas do sector".

"Erro material" e recusación

Por outra banda, a través dun amplo comunicado de prensa, Greenalia refírese á "aclaración da sentenza" que recibiu sobre Bustelo o pasado día 20, após serlle comunicada o 16 a desestimación do recurso interposto contra o seu parque por Adega. Nese momento, resalta, "a empresa decidiu reactivar as obras".

A enerxética recusara un dos maxistrados da sala, Luís Villares, porque liderou En Marea e mostrou "publicamente, en diferentes ocasións, a súa oposición á instalación de proxectos eólicos e ás normas aprobadas pola Xunta para a regulación do sector". Pero esta "posíbel incompatibilidade" para xulgar o recurso "foi rexeitada", lembra.

Comentarios