Google é acusada de abusar da súa posición no mercado da publicidade

Bruxelas aposta por restrinxir a Intelixencia Artificial.
Sede de Google (Foto: Europa Press).
photo_camera Sede de Google. (Foto: Europa Press)

A Comisión Europea acusou esta cuarta feira a Google de abuso de posición no mercado das tecnoloxías de publicidade en liña que se utilizan para ampliar o alcance de campañas e medir audiencias (ou adtech), falseando a competencia con outros operadores, editores e anunciantes, e apuntou como solución que o xigante tecnolóxico ceda parte do seu negocio neste sector.

"Se chegamos á conclusión de que Google actuou de maneira ilegal, a Comisión poderá esixir que se desfaga de parte dos seus servizos", indicou nunha rolda de prensa en Bruxelas a vicepresidenta do Executivo comunitario encargada de Competencia, Margrethe Vestager, despois de advertir que non bastará con compromisos da empresa de cambiar as súas prácticas.

Google desempeña un papel de intermediario entre editores e anunciantes que recorren a ferramentas ou programas adtech para situar en tempo real as súas campañas en liña grazas a servizos para a compra de espazos, no seu servidor publicitario para editores e na súa plataforma de anuncios.

Co prego de cargos anunciado esta cuarta feira, o Executivo comunitario acusa Google, que tamén explota Youtube ou Android, de "favorecer os seus propios servizos de tecnoloxías publicitarias en liña en detrimento de outros operadores de servizos de tecnoloxía publicitaria, anunciantes e editores da competencia.

Porta aberta a unha Lei de Intelixencia Artificial

O pleno do Parlamento Europeo acordou esta cuarta feira que defenderá prohibir o recoñecemento facial masivo para a vixilancia de espazos públicos durante a negociación comunitaria das primeiras regras no mundo para o uso da Intelixencia artificial (IA).

O mandato negociador adoptado por 499 votos a favor, 28 en contra e 93 abstencións no pleno decorrido en Estrasburgo (Francia) reclama regulamentos estritos para a IA na UE, cun enfoque baseado no nivel de risco e restricións en función do mesmo.

Un acordo que inclúe a esfera laboral. Os negociadores da Eurocámara defenderán prohibir o uso de sistemas de recoñecemento de emocións nos lugares de traballo, así como por parte das forzas de seguridade e na xestión das fronteiras. A votación é o punto de partida para o desenvolvemento dunha furura Lei sobre Intelixencia Artificial.

Comentarios