Google, denunciada por despedir empregados con actividade sindical

A Xunta Nacional de Relacións Laborais dos Estados Unidos acusou formalmente a multinacional de espiar "en numerosas ocasións" os seus traballadores.
Sede de Google (Foto: Europa Press).
photo_camera A NLRB estabeleceu unha vista para o 12 de abril do ano próximo (Foto: Cristoph Dernchbach / dpa)

A Xunta Nacional de Relacións Laborais dos Estados Unidos, a axencia do Goberno encargada da organización das eleccións sindicais e da investigación das prácticas laborais ilegais no país norteamericano, presentou unha demanda contra Google e contra a súa matriz, Alphabet, por un ataque contra os dereitos laborais dos seus empregados.

Nomeadamente, a NLRB ─polas súas siglas en inglés─ acusa a multinacional de espiar "en numerosas ocasións" os traballadores, de despedir varios deles en represalia por se querer sindicar e de bloquear ilegalmente o uso de ferramentas de comunicación interna e de espazos de reunión para compartir ente eles información sobre os supostos agravios da empresa.

Segundo apuntan na demanda, recollida onte por varios medios estadounidenses, serían dous os empregados despedidos ilegalmente por Google debido ás súas actividades sindicais.

Outros cinco tamén perderon o posto de traballo o ano pasado pola súa involucración en protestas á empresa.

Protestas polas que varios dos seus compañeiros foron interrogados, violando segundo a NLRB a normativa laboral dos EUA. 

Apoio de Sanders e Warren

Estes despedimentos levaron os daquela candidatos a liderar o Partido Demócrata nas eleccións presidenciais do pasado mes de novembro Bernie Sanders e Elizabeth Warren a apoiaren publicamente os traballadores e de cargar contra Google por estas supostas prácticas antisindicais. 

A NLRB indicou que espera recibir unha resposta de Google o vindeiro 16 de decembro e estabeleceu unha vista para o 12 de abril do ano próximo.

Comentarios