Goberno español e sindicatos acordan, sen a patronal, subir o SMI 5%

As organizacións empresariais CEOE e Cepyme non se sumaron ao acordo alegando que non se atenderon as súas demandas de indexar o SMI aos contratos públicos e de estabelecer bonificacións para o sector do campo.
Os salarios galegos son moito máis baixos que a media da UE(Foto: Europa Press).
photo_camera Os salarios galegos son moito máis baixos que a media da UE(Foto: Europa Press).

O Ministerio de Traballo acordou esta sexta feira con CCOO e UXT subir o salario mínimo inteprofesional (SMI) para 2024 5%, desde os 1.080 euros mensuais por catorce pagas até os 1.134 euros. Esta subida aplicarase con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2024.

Así o anunciou o secretario de Estado de Traballo, Joaquín Pérez Rey, ao termo da reunión que tivo lugar á primeira hora da mañá desta sexta feira cos axentes sociais para comunicarlles a decisión do Goberno español sobre o SMI tras as conversas mantidas con eles desde o mes de decembro.

A patronal, fóra

As organizacións empresariais CEOE e Cepyme non se sumaron ao acordo alegando que non se atenderon as súas demandas de indexar o SMI aos contratos públicos e de estabelecer bonificacións para o sector do campo.

Tanto Traballo como CCOO e UXT estaban dispostos a asinar unha subida de 4% se as organizacións empresariais se sumaban a un pacto tripartito. En caso de non facelo, o Ministerio e os sindicatos aseguraron que a subida ía ser "máis ambiciosa" que ese 4% inicial. De feito, os sindicatos estaban a pedir elevar o SMI de 2024 5%, 54 euros por encima dos 1.080 euros de 2023. Esa foi finalmente a subida acordada.

A principios do ano pasado, o Goberno do Estado acordou, só cos sindicatos, unha suba do SMI de 8% para 2023. O seu compromiso para esta lexislatura é fixar, por lei, que esta renda mínima sempre debe ser equivalente a 60% do salario medio.

A CEOE tampouco se sumou ás subidas do SMI de 2022 e 2021 acordadas polo Goberno de Pedro Sánchez con CCOO e UXT, pero si pactou con eles o incremento de 2020, cando aumentou desde os 900 aos 950 euros mensuais.

Comentarios