A patronal propón agora subir o SMI até os 1.145 euros após insistir en que pasar de 1.000 destruiría empregos

A CEOE abordou a suba do SMI na súa Xunta Directiva desta cuarta feira ante a "inminente" convocatoria aos axentes sociais que vai realizar o Ministerio de Traballo e Economía Social para abordar a súa actualización, tal e como avanzou a ministra Yolanda Díaz.
O presidente da CEOE, Antonio Garamendi, coa ministra Yolanda Díaz de fondo, na presentación do Acordo de Diálogo Social o pasado 23 de febreiro. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O presidente da CEOE, Antonio Garamendi, coa ministra Yolanda Díaz de fondo, na presentación do Acordo de Diálogo Social o pasado 23 de febreiro. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A CEOE proporá a Goberno estatal e sindicatos subir o salario mínimo interprofesional (SMI) un 3% para 2024, desde os 1.080 euros actuais en catorce pagas até os 1.112,4 euros ao mes, e aplicar outra suba, tamén de 3%, para 2025, o que o situaría para entón en 1.145,77 euros mensuais. En ambos os casos, sería aplicábel a cláusula de garantía prevista para estes exercicios no acordo de convenios cos sindicatos. A formulación empresarial implicaría un aumento do SMI, en dous anos, de até 65,77 euros, o equivalente a unha alza de 6% a respecto do importe actual.

A patronal abordou a suba do SMI na súa Xunta Directiva desta cuarta feira ante a "inminente" convocatoria aos axentes sociais que vai realizar o Ministerio de Traballo e Economía Social para abordar a súa actualización, tal e como avanzou estes días a vicepresidenta segunda e ministra do ramo, Yolanda Díaz. A organización que dirixe Antonio Garamendi afirmou nun comunicado que a súa proposta de incremento do SMI para os anos 2024 e 2025 está "en liña" co acordado con CCOO e UXT no V Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC).

"As organizacións empresariais consideran adecuada esta proposta para tratar de manter unha correlación entre a evolución do SMI e a do resto de salarios que se pactan no marco da negociación colectiva", defende a CEOE. O acordo de negociación colectiva que asinaron CCOO, UXT, CEOE e Cepyme en maio deste ano recomenda subas salariais do 3% tanto para 2024 como para 2025, cunha cláusula de revisión salarial que, en caso de desviación da inflación, podería implicar alzas adicionais de até 1% para cada un dos anos do acordo (2023-2025).

En todo caso, a patronal precisa que a súa proposta "ten como condición sine qua non" a modificación da normativa de revisión de prezos nos procesos de contratación do sector público para repercutir o incremento do SMI nos contratos en execución, tal e como tamén se recolle no V AENC asinado polas organizacións empresariais e os sindicatos. A patronal subliña que o aumento do SMI que propón xunto a Cepyme "fica por riba do incremento salarial de 2% aplicado aos funcionarios para 2024".

Todo isto despois de que a CEOE se pronunciase reiteradamente en contra de incrementar o salario mínimo nos últimos anos alegando a suposta destrución de emprego. "Unha nova suba do SMI contribuirá a aumentar os custos laborais e a presión sobre as marxes das empresas o que, unido a outros riscos como o encarecemento das materias primas ou os pescozos de botella nas cadeas globais de subministración, poden levar a un menor dinamismo económico no futuro e a unha menor creación de emprego", afirmaban CEOE e Cepyme en 2022, opóndose a incrementar a contía a 1.000 euros após elevalo o Goberno a 965.

Dicían tamén desde a patronal que subir o SMI era "un risco serio para o emprego e para os traballos non cualificados". E na mesma liña apuntaba este pasado mes de outubro o propio Garamendi: "Subir o salario mínimo é como se o Estado convida a cear pero pagas ti. Por iso habería que debatelo no diálogo social, non que sexa simplemente unha consulta. Subir o salario mínimo hoxe sería un problema porque rompería todas as bandas".

Fixar por lei o SMI en 60% do salario medio

De entrada, a proposta empresarial bate coas demandas de CCOO e UXT, que queren que o SMI suba a 1.200 euros mensuais en 2024, o que equivalería aproximadamente a 60% do salario medio, tal e como contempla a Carta Social Europea. A ministra Díaz dixo esta terza feira que a suba do SMI sería unha das súas primeiras medidas desta lexislatura, para o que convocará "de inmediato" sindicatos e empresarios.

As organizacións empresariais aseguran que a súa proposta ten en conta as variábeis previstas no artigo 27.1 do Estatuto dos Traballadores á hora de fixar o SMI, como o IPC, a produtividade nacional, o incremento da participación do traballo na renda nacional e a conxuntura económica. Aliás, os empresarios reiteraron no seu comunicado a súa petición de que se estabeleza un réxime de deducións aplicábeis ao sector agrario, cunha redución de 20% sobre a cota empresarial por continxencias comúns, que se sumaría aos incentivos xa vixentes.

Tanto o novo Goberno de coalición, como reflectiu no seu pacto de investidura, como CCOO e UXT queren estabelecer por lei que o SMI debe estar sempre situado en polo menos 60% do salario medio. De feito, os sindicatos expoñen un sistema automático, similar ao das pensións, para que o SMI non baixe nunca de 60% do salario medio.

Segundo os últimos datos do Ministerio de Traballo, os convenios colectivos asinados este ano recollían ata outubro unha suba salarial media de 4,19%, por riba da inflación interanual dese mes (3,5%) e en liña coas directrices marcadas por sindicatos e empresarios no pacto de convenios. A maior parte dos convenios rexistrados ata outubro asináronse en exercicios anteriores, aínda que teñan efectos en 2023.

En concreto, nos dez primeiros meses do ano había rexistrados un total de 3.257 convenios colectivos con efectos económicos en 2023, dos que só 927 se asinaron este mesmo ano, cunha subida salarial media de 4,19%. O resto de convenios, 2.330, asináronse en exercicios anteriores e recollen un incremento salarial medio bastante inferior, de 3,14%.

Os 3.257 convenios rexistrados ata outubro daban amparo a máis de 10,1 millóns de traballadores. Se se suman os convenios asinados este ano cos subscritos en exercicios anteriores pero con efectos sobre 2023, a subida salarial media foi de 3,46% até outubro, cifra superior á rexistrada en setembro (3,41%) pero lixeiramente por baixo do IPC, cuxa taxa interanual situouse no décimo mes do ano en 3,5%.

Comentarios