MARÍTIMA

O Goberno español abre a posibilidade de privatizar os Portos

O Executivo recoñece que traballa e mantivo reunións con empresas para “alcanzar maiores niveis de colaboración público-privada”.

Porto de Vigo
photo_camera Porto de Vigo

O Goberno asegura que "nestes momentos" non ten na súa axenda a posibilidade de privatizar Portos do Estado pero ao mesmo tempo recoñece todo o contrario e afirma que mantén contacto con algúns grupos empresariais co obxectivo de estudar como incrementar “a colaboración público-privada” neste ámbito, nunha clara forma de abrir a porta a unha posíbel privatización.

Así consta nunha resposta ao deputado da Esquerda Plural, Gaspar Llamazares, quen preguntou ao Executivo sobre as súas intencións de privatizar total ou parcialmente Portos, alertando de que externalizar actividades como a estiba ou os depósitos significaría a un cambio no status do persoal (actualmente públicos) que, noutros países, “resultou moi negativa para os seus dereitos laborais e para o emprego”.

“Grandes bancos de negocios internacionais, como Nomura e UBS, e empresas multinacionais xigantescas, como Hutchison, veñen presionando desde hai anos” por esta privatización que os sindicatos interpretan como o intento do Executivo de “quitarse de encima” o problema laboral da renovación do convenio, afirma Llamazares. O propio Mariano Rajoy, en xullo de 2012, dixo que se levaría a cabo unha “liberalización e, no seu caso, privatización” de servizos asociados a transportes como o portuario. Agora, o Goberno tamén recoñece que “grupos empresariais informaron verbalmente sobre as posibilidades que, segundo o seu criterio, teñen os portos españois para avanzar en maiores niveis de colaboración público-privada”.

Comentarios