Galiza é o segundo territorio do Estado onde máis baixa a sinatura de hipotecas en xullo, con 30,2% menos

Segundo datos publicados esta cuarta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE), Galiza foi o segundo territorio onde máis descendeu esta cifra, só superada por Cantabria (-31,1%) e seguida por Catalunya (-25,8%).
Bloque de vivendas en Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera Bloque de vivendas en Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)

Galiza posicionouse como o segundo territorio do Estado onde máis baixou a firma de hipotecas sobre vivendas no mes de xullo, até os 905 préstamos, 30,2% menos que no mesmo mes de 2022.

Segundo datos publicados esta cuarta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE), Galiza foi o segundo territorio onde máis descendeu esta cifra, só superada por Cantabria (-31,1%) e seguida por Catalunya (-25,8%).

En comparación con xuño, a firma de hipotecas na Galiza baixou 18,6%, até os 109 millóns de euros de capital prestado, 46,8% menos que en xullo do exercicio previo e 8,8% menos que no mes anterior.

O número de hipotecas constituídas sobre o total de leiras foi de 1.222, con máis de 146 millóns de euros. Delas, 42 eran leiras rústicas e 1.180, urbanas. Foron os bancos os principais prestamistas, con 1.133 hipotecas sobre leiras urbanas e 41 sobre leiras rústicas.

Entre outros datos, na Galiza canceláronse en xullo 1.994 préstamos, dos cales 1.351 eran sobre vivenda e en 1.794 casos o prestamista era un banco. Ademais, en 377 hipotecas levaron a cabo cambios rexistrais.

Datos estatais

A nivel estatal, o número de hipotecas constituídas sobre vivendas baixou 18,8% o pasado mes de xullo respecto ao mesmo mes de 2022, até sumar 29.223 préstamos, cun tipo de interese medio que seguiu á alza, alcanzando 3,24%, a súa cifra máis alta desde agosto de 2016, sempre segundo datos do INE.

Co descenso interanual de xullo, a firma de hipotecas sobre vivendas encadea seis meses de taxas negativas, aínda que a de xullo moderouse en tres puntos respecto a a rexistrada en xuño (-21,9%).

O total de préstamos sobre vivendas contabilizado en xullo (29.223) é a segunda cifra máis baixa desde xaneiro de 2021, só superada pola de abril deste ano, cando se constituíron algo máis de 27.000 hipotecas.

O importe medio das hipotecas constituídas sobre vivendas baixou 2,6% interanual no sétimo mes do ano, até os 143.412 euros, mentres que o capital prestado diminuíu 20,9%, ata rozar os 4.191 millóns de euros.

Tras a política de subidas de tipos de interese levada a cabo polo Banco Central Europeo (BCE) para tentar conter a inflación e a evolución do Euribor, o tipo de interese medio para o total de préstamos hipotecarios situouse en 3,52% en xullo, a súa cifra máis elevada desde novembro de 2014, cun prazo medio de 24 anos.

No caso das vivendas, o interese medio foi de 3,24%, o seu valor máis alto desde agosto de 2016, cun prazo medio de 25 anos. Respecto a un ano antes, o tipo de interese medio para os préstamos sobre vivenda aumentou en 1,32 puntos. É o cuarto mes consecutivo no que o tipo de interese supera 3%.

42,2% das hipotecas sobre vivendas constituíronse o pasado mes de xullo a tipo variábel, mentres que 57,8% se asinaron a tipo fixo. O tipo de interese medio ao comezo foi de 2,95% para as hipotecas sobre vivendas a tipo variábel e de 3,49% no caso das de tipo fixo.

Comentarios