O Euribor alcanza o récord desde 2008

O índice hipotecario fechou a xornada de onte cunha taxa de 4,216%.
A presidenta do Banco Central Europeo, Christine Lagarde (Foto:  Josefine Stenersen / European Coun / Dpa).
photo_camera A presidenta do Banco Central Europeo, Christine Lagarde. (Foto: Josefine Stenersen / European Coun / Dpa).

As 10 subas consecutivas dos tipos de xuro que acometeu o Banco Central Europeo (BCE) desde 2022 levaron ao Euribor,  o índice de referencia para a maioría das hipotecas variábeis na Galiza, a unha escalada que o situou en cifras que non se vían desde hai 15 anos, coincidindo coa crise financeira de 2008.

En concreto, o último récord que bateu esta terza feira o Euribor foi superar a cota de 4,2%, alcanzando 4,216% na xornada, unha  taxa que non se rexistraba desde o 19 de novembro de 2008. Con este dato, a media mensual do índice hipotecario para o mes de setembro fica situada en 4,109%, por riba da de 4,073% rexistrada en agosto.

Porén, o efecto base, provocada polas subas do índice xa experimentadas no mes de setembro de 2022, provocará que a revisión para as persoas hipotecadas que empreguen o dato de setembro non sexa tan acusada como en meses anteriores.

Isto débese a que en setembro de 2022 o Euribor xa recollera dúas subas de tipos do BCE e o mercado daba por descontada unha suba maior do prezo do diñeiro, polo que a taxa de referencia situábase en 2,233%.

O nivel actual do índice implica que unha persoa que teña contratada unha hipoteca variábel de 150.000 euros cun prazo de vencemento residual de 30 anos e cun diferencial de 0,99% máis Euribor e deba revisar o seu tipo de xuro no mes de setembro, rexistrará un aumento da súa cota hipotecaria duns 163,74 euros ao mes (1.964,88 euros ao ano).

Baixada da bombona

O prezo máximo de venda ao público da bombona de butano baixou 4,94% desde esta terza feira, até os 14,43 euros, situándose así no prezo máis baixo rexistrado no último ano, segundo unha resolución publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE). Este prezo para a bombona de butano supón un custo 26% máis baixo que o prezo máximo que se rexistraba hai 12 meses.

Comentarios