O BCE sobe os tipos de xuro en 25 puntos básicos, até 4,5%, o nivel máis alto en 20 anos

O Banco Central elevou o prezo do diñeiro en 450 puntos básicos desde xullo de 2022, proseguindo así co endurecemento da súa política monetaria.
Sede do BCE na cidade alemá de Frankfurt. (Foto: Europa Press)
photo_camera Sede do BCE na cidade alemá de Frankfurt. (Foto: Europa Press)

O Consello de Goberno do Banco Central Europeo (BCE) decidiu elevar os tipos de interese en 25 puntos básicos, de forma que a taxa de referencia para as súas operacións de refinanciamento ficará en 4,50%, mentres que a taxa de depósito alcanzará 4% e a da facilidade de préstamo o 4,75%.

Con esta décima suba consecutiva do prezo do diñeiro, que se situou no seu nivel máis alto en máis de 20 anos e que se notificou esta quinta feira, BCE segue adiante co endurecemento da súa política monetaria.

"A suba de tipos de hoxe reflicte a valoración do Consello de Goberno das perspectivas de inflación á luz dos novos datos económicos e financeiros, a dinámica da inflación subxacente e a fortaleza da transmisión da política monetaria", sinala o BCE nun comunicado.

Coa repunta dun cuarto de punto anunciada hoxe polo BCE, en liña coa adoptada en xullo, o 'Gardián do euro' elevou o prezo do diñeiro en 450 puntos básicos durante o actual ciclo de subas, que deu comezo en xullo do ano pasado.

A decisión do BCE chega despois de que a taxa de inflación interanual da zona euro se desacelerase en xullo até 5,3%, dúas décimas por baixo do aumento de prezos rexistrado en xuño e o seu nivel máis baixo desde xaneiro de 2022. Por outra parte, ao excluír do cálculo o impacto da enerxía e dos alimentos, o alcol e o tabaco, a taxa subxacente mantívose estábel en 5,5%.

Aliás, hai unha semana Eurostat informou de que o crecemento do produto interior bruto (PIB) da zona euro rexistrou unha contracción de 0,1% no segundo trimestre de 2023, idéntica cifra á do primeiro tramo do ano.

Comentarios