A sinatura de hipotecas sobre vivendas baixa 17,3% na Galiza

Na Galiza, o capital prestado ascende 119 millóns de euros, 18,9% menos en taxa interanual e 12,9% máis en comparación co mes de maio.
Bloques de vivendas no barrio compostelán de Vite. (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Bloques de vivendas no barrio compostelán de Vite (Foto: Xunta da Galiza).

O número de hipotecas constituídas sobre vivendas en xuño na Galiza situouse en 1.112, 17,3% menos respecto ao mesmo mes de 2022 e un 17,5% máis se se compara co mes anterior, segundo datos difundidos esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

A nivel estatal, baixou 21,9% o pasado mes de xuño respecto ao mesmo mes de 2022, até sumar 33.478 préstamos, a cifra máis baixa nun mes de xuño desde 2020, en plena pandemia.

Na Galiza, o capital prestado ascende 119 millóns de euros, 18,9% menos en taxa interanual e 12,9% máis en comparación co mes de maio.

Por outra parte, o tipo de xuro medio das hipotecas sobre vivenda seguiu á alza no sexto mes do ano, alcanzando 3,19%, o seu valor máis alto desde abril de 2017, cando se situou en 3,20%.

Co descenso interanual de xuño, a sinatura de hipotecas sobre vivendas encadea, a nivel estatal, cinco meses de taxas negativas, aínda que a de xuño moderouse en case dous puntos respecto á rexistrada en maio (-24%).

Importe medio

O importe medio das hipotecas constituídas sobre vivendas baixou 0,7% interanual no sexto mes do ano, até os 143.796 euros, mentres que o capital prestado diminuíu 22,5%, até os 4.814 millóns de euros.

Por territorios do Estado, os que rexistraron un maior número de hipotecas constituídas sobre vivendas en xuño foron Andalucía (7.043), Madrid (5.675) e Catalunya (5.336).

Así mesmo, os territorios en que se prestou máis capital para a constitución de hipotecas sobre vivendas foron tamén Madrid (1.218,2 millóns de euros), Andalucía (883,4 millóns) e Catalunya (858,4 millóns).

Comentarios