O prezo da vivenda de nova creación sobe 4,4% na Galiza e o aluguer marca récord

As operacións de compravenda inmobiliaria baixan 29% respecto a 2022.
Dous obreiros traballaban esta terza feira nunha parcela do municipio de Noia destinada á construción dun futuro edificio de vivendas (Foto: Nós Diario).
photo_camera Dous obreiros traballaban esta terza feira nunha parcela do municipio de Noia destinada á construción dun futuro edificio de vivendas. (Foto: Nós Diario)

O prezo da vivenda nova incrementouse 4,4% na Galiza, segundo un estudo publicado esta terza feira pola Sociedade de Taxación. Unha suba de prezos que foi especialmente considerábel no caso da cidade da Coruña, onde o custo aumentou 5,3%. Así mesmo, o prezo da vivenda usada mantívose sen mudanzas durante xullo, segundo informou esta terza feira o portal inmobiliario Idealista.

Neste contexto, segundo un informe da compañía de servizos inmobiliarios Housell, o número de operacións de compravenda de vivenda na Galiza experimentou ao comezo do verán unha caída de 29% a respecto de 2022. O tempo de espera para vender sitúase en 21 semanas no país, fronte ás 16 da media estatal e A Coruña, Baiona e Compostela son os municipios coa vivenda máis cara por metro cadrado.

Os portais inmobiliarios consideran que a nova suba de tipos de xuro de 0,25% realizada polo Banco Central Europea (BCE) a pasada quinta feira, até 4,25%, dificultará aínda máis o acceso á vivenda. Neste sentido, o Banco de España confirmou esta semana que o Euribor a 12 meses, o índice hipotecario de referencia na Galiza, fechou xullo cunha taxa mensual de 4,149%, o que supón sobrepasar o limiar de 4% por segunda vez desde 2008.

Ademais, incrementouse en 3,157 puntos porcentuais con respecto a xullo de 2022 e supón seguir en máximos desde novembro de 2008, cando fechou en 4,350%. O valor actual do Euribor tradúcese en que unha persoa cunha hipoteca variábel de 150.000 euros a 30 anos e cun diferencial de 0,99% máis Euribor que deba revisar o tipo de xuro rexistrará un aumento da súa cota hipotecaria duns 265 euros ao mes. En termos absolutos, pasaría de pagar uns 553 euros a uns 818 euros por mes. Este encarecemento da cota hipotecaria suporía un desembolso adicional para as familias de 3.179 euros máis ao ano.

Máximos no arrendamento

Por outro lado, Fotocasa publicou esta terza feira un informe segundo o cal a Galiza, con 8,47 euros por metro cadrado, fica entre as autonomías nas que o mercado de aluguer alcanzou en xuño o prezo máximo da serie histórica, xunto con Balears, Canarias, Cantabria, Castela e León, Catalunya, o País Valencià, Estremadura, Madrid, Euskadi e Murcia. En Andalucía e Nafarroa aconteceu en maio, mentres que Asturias e A Rioxa no ano 2022. Tan só Aragón e Castela A Mancha non alcanzaron este récord.

Descenso do crédito

Nunha situación na que aumenta o prezo da vivenda de nova creación na Galiza, na que o mercado do aluguer alcanza prezos en máximos históricos e na que descenden as operacións de compravenda inmobiliaria a nivel galego, está tamén a minguar o crédito concedido polos bancos a familias e empresas.

O financiamento prestado polas entidades financeiras de ámbito estatal a familias e institucións sen ánimo de lucro caeu 2% en xuño de 2023 respecto ao mesmo mes de 2022, até a cifra de 699.234 millóns de euros, mentres que o financiamento ás empresas descendeu 2,7%, até 923.447 millóns de euros, segundo os datos publicados esta terza feira polo Banco de España.

En comparación co mes de maio, o crédito concedido ás familias caeu en 13.816 millóns de euros, mentres que o facilitado ás empresas minguou en 26.091 millóns, todo isto nun contexto marcado pola escalada de prezos e a suba dos tipos de xuro. Ademais, o endebedamento das familias subiu en 9.983 millóns de euros en xuño en relación ao mes de maio, o que supón 1,4% máis. Pola súa parte, a débeda das empresas situouse en xuño 448 millóns de euros por baixo do dato rexistrado en maio, 0,05% menos.

As complicacións económicas están a provocar que as familias teñan que recorrer ao crédito para acometer os gastos cotiáns. Desta forma, os créditos aos fogares destinados ao consumo creceron en xuño 2,2% en taxa interanual, até 97.061 millóns de euros, á vez que ascenderon na súa taxa mensual, en 0,9%.

Porén, os créditos hipotecarios ás familias, que representan a maior parte da súa débeda, situáronse en 503.364 millóns de euros en xuño de 2023, o que supón 14.540 millóns menos que un ano antes e 1.237 millóns menos que o mes anterior.

Ademais, os préstamos bancarios ás empresas situáronse en 469.113 millóns de euros en xuño, un descenso de 3,3% respecto ao mesmo mes de 2022, en tanto os valores representativos de débeda caeron 8,2% até 126.981 millóns e os préstamos do exterior ascenderon 0,4% interanual, até 327.353 millóns.


As persoas aloxadas en pisos turísticos aumentan en 15%

As persoas aloxadas en apartamentos turísticos da Galiza aumentaron máis de 15% na primeira metade do ano en comparación co mesmo período de 2022, segundo os datos publicados esta terza feira por parte do Instituto Nacional de Estatística (INE).

En concreto, entre xaneiro e xuño pasaron por este tipo de estabelecementos turísticos 91.049 persoas, 12.166 máis que as rexistradas nos primeiros seis meses do ano pasado, o que supón un 15,4% máis. En total, neste período, 249.469 persoas durmiron neste tipo de apartamentos.

Na mesma liña, os cámpings galegos experimentaron até xuño un incremento de 10,6% na súa cifra de visitantes, até  as 71.726 persoas, case 7.000 por encima das aloxadas hai un ano. Pola contra, o turismo rural experimentou un descenso na cifra de visitantes até as 71.990 persoas (-7,2%) na primeira metade de 2023.

Comentarios