Galiza perdeu desde 2009 máis de 386 millóns de metros cadrados de terras de cultivo: "É unha derrota de Medio Rural"

Organizacións labregas alertan da gravidade de perder superficie agraria.
campo agro rural foto de mikel arrazola
photo_camera Unha terra de cultivo. (Foto: Mikel Arrazola)

Menos terras de cultivo, menos superficie agraria útil e máis terreo "a monte". A evolución de perda de superficie agrícola entre 2009 e 2023 que rexistra o Ministerio de Agricultura é a constatación para as organizacións agrarias de que as políticas aplicadas ao longo deses anos para o rural non resolven o problema, senón que o acrecentan. "As cousas non se están a facer ben en absoluto", resume para Nós Diario Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG). Manuel Dacal, coordinador da Federación Rural Galega (Fruga) advirte da "gravidade" das consecuencias dun escenario de perda de terras de cultivo e agrarias: "abandono do rural e ser cada vez máis dependentes dos insumos de fóra".

A actual superficie agraria útil (SAU) na Galiza, a respecto da de 2008, caeu en 2,7% (22.786 hectáreas menos) como consecuencia principalmente dunha redución de case 10% no caso das terras de cultivo: 386.650.000 metros cadrados menos. "É unha derrota das políticas da Consellaría de Medio Rural durante estes anos", apunta Dacal a Nós Diario. "Unha mostra de que o modelo que quere implementar a Xunta non é bo nin para o rural nin para o país", conclúe o coordinador da Fruga.

Para Vilalba, a Administración galega é "cooperadora necesaria de todas estas prácticas que levan á perda de terra agraria" e que van da man, sinala, dunha aposta pola "forestación". "Até a propia Lei de Recuperación da Terra Agraria inclúe non só terra agrícola senón tamén terra forestal", apunta, e dá un dato para a reflexión: "A Galiza ten apenas 9% da superficie forestal do Estado máis aquí danse 50% dos incendios".

A rebufo da Unión Europea

A superficie agraria útil representa na Galiza 28,3% da súa superficie xeográfica, porcentaxe moi inferior á rexistrada no conxunto do Estado español, onde é de 49,9%. As terras de cultivo supoñen no país a redor de 12% da súa superficie xeográfica fronte a 33,3% da media estatal, en tanto que os prados e pasteiros representan 16,1% na Galiza fronte a 16,6% no conxunto do Estado.

En 2009 o peso relativo da superficie agraria útil era de 29,1%, oito décimas máis que agora, en tanto que a terra de cultivo supuña daquela 13,5%, case punto e medio superior a agora. A superficie total da Galiza representa 5,8% da superficie estatal, a importancia relativa da superficie forestal é de 9,2%, moi por riba do 3,3% que representa a SAU.

"Máis dependentes"

Dacal lamenta que sendo a Galiza "unha potencia na produción de leite", sexamos "máis dependentes de importar forraxes e recursos necesarios para as ganarías". Vilalba, pola súa parte, insiste en que a superficie que se deica a cultivos agrícolas para o consumo de persoas "é mínimo" e o que hai de cultivos forraxeiros "é insuficiente". 

Ambos os dous partillan que nas políticas da Xunta da Galiza para o rural predomina unha visión en chave forestal, cun monte centrado case que exclusivamente no monocultivo forestal. Un modelo que, indican, se traduce en "abandono" para boa parte do país.

Medio millón de hectáreas abandonadas

413,3 millóns de euros anuais máis para o sector agrícola e a creación de ao redor de 10.000 postos de traballo polos efectos multiplicadores. Estas serían algunhas das consecuencias da posta en valor na Galiza das aproximadamente 512.000 hectáreas de superficie abandonada e que son aptas para o seu recultivo. Así se estabelece nun informe publicado por investigadores das universidades de Vigo e Compostela en 2023, Putting land to work.

O traballo parte dun estudo en sistemas de información xeográfica para mostrar a superficie de terreo apto para o recultivo na Galiza, que calculan que podería aumentar "16% as terras de cultivo actuais". En total, os investigadores identificaron 512.308 hectáreas de zonas abandonadas e poten-cialmente aptas para o recultivo.

Comentarios