Galiza, o país dos 7.000 locais comerciais baleiros

Nun só ano aumentaron en 570.

O comercio galego anticipa novos fechamentos até final de ano (Foto: Arxina).
photo_camera Un local comercial anunciando que está dispoñíbel para alugar. (Foto: Arxina).

Os locais comerciais baleiros na Galiza son 7.045 a peche de 2023, o que supón 570 máis que un ano antes (+8,8%) segundo un informe de Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein). Asegura que este incremento "é superior aos peores anos da crise".

A repartición de baixos comerciais baleiros en por provincias é o seguinte: Ourense (2.400), A Coruña (2.250), Pontevedra (1.925) e Lugo (470). Os locais en arrendamento aumentaron 35% na última década.

Nas sete cidades, as cifras son as seguintes, sempre segundo este informe: Ourense (1.525), Vigo (1.170), A Coruña (925), Santiago (400), Pontevedra (275), Ferrol (270), Lugo (250).

No que atinxe á análise de prezos, Fegein sostén que "se estabilizan os prezos de arrendamento ou diminúen levemente en todas as áreas e cidades". Vigo e A Coruña son as dúas únicas cidades onde menos descende o de aluguer de momento.

Así mesmo, a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias considera "significativo" que as rúas máis céntricas das cidades están "practicamente tomadas polas grandes marcas e franquías, co que o comercio local de toda a vida queda desprazado ás rúas semicéntricas ou periferia, ao ser inasumíbeis os prezos de arrendamentos dos locais nos núcleos céntricos das principais cidades".

Fegein sinala entre os motivos para esta situación: a falta de substitución xeracional, a elevada presión fiscal, a inflación, a escaseza de empregados cualificados e custos laborais.

Unha cuestión sobre a que chama a atención é que crecen os cesamentos de actividades económica en pemes e peche de negocios de "toda a vida", con máis de 25 anos de antigüidade.

Así, Fegein apoia "o cambio na normativa de habitabilidade da Galiza co obxectivo de facilitar e permitir, en determinados supostos, que baixos comerciais abandonados ou sen actividade en contornas urbanas poidan renunciar ao seu uso orixinal para reconverterse en vivendas".

Comentarios