Galiza perdeu case 10.000 autónomos na última década e 1.349 só en 2023

O comercio é o principal damnificado da destrución de postos de traballo.
#autónomo #autónomos #comercio #comerciolocal Un comercio de proximidade anunciando a súa liquidación. (Foto: Arxina)
photo_camera Un comercio de proximidade anunciando a súa liquidación. (Foto: Arxina)

"Necesitamos rexuvenecer o colectivo". Para o presidente da Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) da Galiza, Rafael Granados, a constante perda de profesionais por conta propia deriva, especialmente, dunha cuestión de idade, pois o país perdeu ao remate do pasado ano até 25% dos autónomos menores de 44 anos que operaban en 2013, unha década atrás.

Disparáronse, pola contra, os maiores de 65 (+125%), pero os datos globais son alarmantes: neste período destruíronse 9.497 empregos autónomos, pasando de 214.373 a 204.876. A inmensa maioría (7.538 estabelecementos) dedicábanse ao sector comercial, precisan desde os colectivos de emprendedores UPTA e Agtamar.

"A destrución dos pequenos negocios tradicionais está a ser absorbida por grandes empresas de distribución e grandes franquías, o que ten un reflexo positivo no emprego por conta allea, pero sen que supoña mellores empregos nin salarios", advirte esta cuarta feira Eduardo Abad, presidente de UPTA. Só en 2023, comparando con decembro do exercicio precedente, Galiza perdeu outros 1.349 traballadores afiliados ao RETA, o réxime especial de autónomos.

O comercio foi novamente o pasado ano o principal sector afectado pola destrución de emprego, con 1.180 menos, unha caída de 2,5% a respecto de 2022. No lado oposto da balanza, liderou a creación de postos de traballo o das actividades artísticas e entretemento (+248).

Galiza precisa emprendedores, mais os emprendedores precisan recursos: "Hai que incentivar e favorecer o emprendemento mentres se axuda ao mantemento das actividades. Apostemos pola formación continua que nos axude a adaptarnos a este mundo tan competitivo", subliña Granados.

Comentarios