A Galiza fica nos últimos postos do Estado español en crecemento económico: "As cifras son peores das que se agardaban"

Os novos datos fornecidos pola Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF), publicados este mes, sitúan Galiza co peor crecemento económico intertrimestral do Estado. A tendencia fai prever que a Galiza siga á cola do Estado español, indica o economista Patricio Sánchez.
O Porto de Vigo (na imaxe), un dos protagonistas do comercio exterior galego (Foto: Porto de Vigo).
photo_camera O Porto de Vigo (na imaxe), un dos protagonistas do comercio exterior galego (Foto: Porto de Vigo).

A estimación que deu a coñecer este mes a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) sobre o Produto Interior Bruto (PIB) das Comunidades Autónomas para o cuarto trimestre de 2023 sitúa Galiza no grupo de menor crecemento económico do Estado español, que foi de 0,6%. Así, apunta que a Galiza tivo un incremento intertrimestral de 0,5%, a mesma taxa que tiveron Asturias, Cantabria, Euskadi, Andalucía e Nafarroa. Pola contra, outros territorios, neste caso Canarias e as Illes Balears, conseguiron o maior aumento do seu PIB de todo o Estado, chegando a 1,1% e 0,9%, respectivamente.

A nivel interanual, a Airef (organismo independente de control fiscal creado polo Estado español a iniciativa da Comisión Europea) indica que a Galiza rexistrou un medre económico de 1,7%, ficando por baixo de 2%, a media do conxunto do Estado español. Tamén aquí é Canarias quen rexistra o maior incremento, chegando a 3,8%. Para a obtención destes datos, nas estimacións deste organismo tivéronse en conta os datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre o avance trimestral do PIB estatal o pasado 30 de xaneiro. Así mesmo, nestas estimacións incorpóranse os datos máis recentes da Contabilidade Rexional de España 2000-2022 do INE, publicados o 18 de decembro de 2023. A propia Airef advirte de que estes díxitos foron traballados  "nun contexto de elevada incerteza no ámbito territorial". 

Cifras peores das que se agardaban

O profesor de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Vigo (UVigo), Patricio Sánchez Fernández, recoñece a Nós Diario, que as estimacións da Airef sempre “foron sólidas”. Porén, constata que cada vez "é máis complicado apreciar, en xeral, os datos económicos do PIB pola cantidade de actores de inestabilidade que interveñen e que entran en xogo". Afirma que co informe da Airef corrobórase que a Galiza “ten un menor crecemento que o Estado español” e, con estes últimos datos, ademais constata que “as cifras son peores das que se agardaban nun principio”, algo que tamén ten o seu equivalente "no que se vive no resto do Estado español".

Sánchez lembra que hai tan só un ano, cando se iniciaba 2023, “estabamos na situación contraria, con estimacións que sinalaban un inicio con resultados moito peores dos que se deron en realidade ao final, unha vez iniciado o ano”. Era unha situación, indica Sánchez, "cuns resultados demasiado bos que despois non se mantiveron no transcurso do ano". O dato final, "a media" para este economista, é o que agora sae á luz. Este mellor inicio sería un dos motivos polos que “ao non conseguir manterse o PIB os meses seguintes, o dato rematou por ser tan negativo para a Galiza”.  

Coautor do informe do Foro Económico da Galiza, relativo ao terceiro trimestre de 2023, Patricio Sánchez xa salientaba en xaneiro deste ano un diferente ritmo de crecemento, en termos interanuais (1%, oito décimas inferior á media española) e intertrimestrais (-0,3%, diante de 0,3% da media estatal). Daquela, o economista sinalaba como unha das razóns destes malos datos "a debilidade que temos na Galiza no comercio exterior". Ademais, o informe apuntaba cara a un sector industrial galego que tiña unha caída interanual de 2,5%, o que contrasta coa medra interanual de 0,5% no Estado español. Neste sentido, o protagonista era o desigual comportamento da industria manufactureira que, en relación á media estatal, Sánchez consideraba que segue a ser "especialmente grave". 

Futuro incerto para 2024

De cara a 2024, algunhas previsións manteñen que haberá certa “ralentización” na economía galega cunha mellora cara a 2025. É o caso do informe que presentou o pasado 22 de xaneiro o BBVA Research que sinala que o PIB do país se incrementaría este ano 1,7%, dúas décimas máis que no Estado español ao revisar á baixa a previsión de crecemento estatal polo empeoramento da actividade na eurozona.

Este servizo de estudos financeiros da entidade bancaria BBVA augura, con todo, mellores previsións para 2025, cun incremento do PIB galego de 2,4%, algo por baixo de 2,5% do total do Estado. Pola contra, en opinión de Patricio Sánchez, a situación económica galega este ano "seguirá por baixo da estatal e o seu comportamento será peor". Con todo, quere ser optimista de cara a 2025, ademais de aconsellar "esperar ás cifras deste mesmo ano que se darán os vindeiros días" para ver se a evolución da economía galega transita "tal e como agardamos polos datos actuais, ou non".

Comentarios