O investimento en servizos sociais na Galiza está nos postos de cola do Estado

O Goberno galego é o terceiro do Estado que menos inviste en servizos sociais por habitante. A partida anual por persoa foi en 2022, segundo os últimos datos que vén de facer públicos a Airef, de 300 euros, o que supón un euro por baixo do ano pasado e 78 euros menos que a media do Estado. Así, o gasto social continúa caendo.
Investimento anual en servizos sociais, por habitante, no ano 2022 nas diferentes comunidades autónomas (Foto: Nós Diario).
photo_camera Investimento anual en servizos sociais, por habitante, no ano 2022 nas diferentes comunidades autónomas. (Foto: Nós Diario)

O investimento en servizos sociais na Galiza situouse no ano 2022 en 300 euros anuais por habitante. Segundo os datos que vén de facer públicos a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef), a través do Observatorio de Información Económica e Financeira das Comunidades Autónomas, o gasto social por persoa na Galiza caeu un euro en relación co exercicio anterior, malia terse incrementado o custo da vida nese período en 6,4%.

Os datos achegados pola Airef proceden da liquidación do orzamento de 2022 efectuada pola Intervención Xeral da Administración do Estado (IGXE), organismo de supervisión público dependente do Ministerio de Facenda. Neste sentido, enténdese por gasto en servizos sociais aquel que se deriva, entre outros conceptos, das actuacións en autonomía persoal e dependencia, dos servizos para inmigrantes, maiores e mocidade, da loita contra a drogodependencia, da atención á infancia e ás familias e das políticas igualdade de oportunidades e loita contra a violencia de xénero.

A Galiza atópase á cola do Estado en investimento en servizos sociais. A este respecto, a Airef sinala que o gasto medio por habitante no país é 78 euros inferior á media do Estado, con só Euskadi e Murcia investindo menos que Galiza. Neste sentido, Euskadi destina a servizos sociais 256 euros ao ano por persoa e Murcia 273. Precisamente, en 2022 superaron a Galiza en gasto social Aragón e Canarias, que tradicionalmente presentaban un esforzo investidor menor.

O investimento en servizos sociais por habitante na Galiza é 506 euros inferior ao ano que en Nafarroa, está 185 euros por baixo de Catalunya, é 159 euros inferior ao de Estremadura, 155 euros menor que o de Asturias e 144 euros inferior ao de Cantabria. Así mesmo, dedican máis esforzo a servizos sociais que Galiza territorios como Aragón, A Rioxa, Castela-A Mancha, Castela e León, País Valencià, Madrid, Canarias ou Illes Balears.

Os números ofrecidos pola Airef para 2022 sitúanse na tendencia da última década. Así, o gasto social por habitante na Galiza foi inferior en 64 euros á media estatal en 2013; en 68 euros en 2014; en 66 euros en 2015, 2016, e 2017; en 69 euros en 2018, en 78 euros en 2019; en 69 euros en 2020 e en 60 euros en 2021.

A fenda en investimento social entre a Galiza e o Estado alcanzou o seu nivel máximo en 2022, tras marcar unha diferenza de 78 euros. Esta cifra é resultado da ausencia dun compromiso orzamentario por parte do Goberno galego con esta materia e explícase atendendo as prioridades investidoras da Xunta da Galiza nestes anos. A este respecto, só o gasto social medrou de maneira decidido no país en 2007, 2008 e 2009, onde os orzamentos en servizos sociais medraron, respectivamente, en 21%, en 27,5% e en 16,3%.

A prestación dos servizos é máis cara na Galiza 

O investimento en servizos sociais da Xunta da Galiza é inferior á media do Estado, malia ser máis cara a súa prestación no país. A isto, contribúen de forma determinante as elevadas taxas de envellecemento da poboación galega, así como a dispersión xeográfica. Precisamente, algúns dos programas máis custosos en materia de benestar social están dirixidos de forma específica ás persoas maiores, significándose entre eles os servizos de dependencia, de axuda no fogar ou de asistencia residencial e en centros de maiores.

A falta de suficiencia orzamentaria compromete a calidade dos servizos sociais. Así, por exemplo, a Galiza atópase á cola do Estado en investimento público en dependencia, advertindo a Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais dos problemas existentes nos programas de axuda no fogar na Galiza debido á ausencia das dotacións económicas necesarias.

A situación repítese no caso dos centros de maiores. A este respecto, o Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso), órgano dependente do Ministerio de Asuntos Sociais, sitúa Galiza á cola do Estado en prazas residenciais de carácter público, case 40 puntos por baixo da media estatal, onde o número de prazas públicas alcanzan a porcentaxe de 62% e moi lonxe dos datos de 74% de Euskadi. 

Comentarios