A Airef corrixe á baixa as previsións da Xunta para as contas de 2024

A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) desmentiu esta terza feira as proxeccións coas que a Consellaría de Economía basea a proposta do proxecto de orzamentos de 2024, o mesmo día en que o conselleiro, Miguel Corgos, presentou as liñas principais das contas aos sindicatos.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, reúnese con responsables das organizacións sindicais para falar dos Orzamentos de 2024.
photo_camera O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, reúnese con responsábeis das organizacións sindicais para falar dos Orzamentos de 2024. (Foto: Europa Press)

A Airef cuestionou á baixa as proxeccións económicas nas que apoia a proposta do proxecto de orzamentos para 2024. Mentres o Goberno galego prevé un incremento do Produto Interior Bruto (PIB) para a vindeira anualidade de 1,9%, a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal rebaixa o crecemento do PIB até 1,6% para 2024. Asemade, a Xunta da Galiza estima na proposta de contas públicas para o seguinte exercicio unha alza na creación de emprego de 0,8%, porén o órgano de control redúceo a 0,7%.

A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal apunta que “estas previsións realízanse nun contexto de alta incerteza pola materialización de numerosos riscos identificados pola Airef desde finais de 2021, centrados ao redor da crise enerxética, a persistencia da inflación e o endurecemento das condicións de financiamento”. Nesta dirección, sinala que as estimacións macroeconómicas recollidas na contabilidade rexional do Estado español non coinciden “coas proxeccións máis actualizadas realizadas polo Instituto Nacional de Estatística (INE)”.

Reunión con CIG, UXT e CCOO

O informe da Airef coñeceuse ao tempo en que Miguel Corgos presentaba a súa proposta de orzamentos ás organización sindicais. Neste encontro, o conselleiro de Facenda asegurou que as contas públicas de 2024 “incluirán perto de 9.800 millóns de euros para gasto social” e “reforzarán un ano máis tanto o gasto social tradicional (sanidade, educación e políticas sociais) como o gasto para o fomento do emprego, tal e como leva facendo exercicio tras exercicio nos últimos anos”. Corgos avanzou “que os orzamentos do vindeiro ano consolidarán todas as rebaixas fiscais aprobadas até o de agora polo Goberno galego e que ademais incluirán outras".

A proposta da Xunta da Galiza non convenceu os sindicatos. Así, a secretaria de Organización da Confederación Intersindical Galega (CIG), Susana Méndez, reclamou ao Goberno galego “un plan de choque contra os efectos da inflación, un plan industrial que contribúa á recuperación económica e á creación de emprego estábel e de calidade, un plan de vivenda pública, o reforzamento dos servizos sociais e o freo á súa privatización".

O secretario de organización da UXT, José Luis Fernández Celis, resaltou que "fan falta investimentos produtivos" para “diminuír a pobreza, a precariedade e o paro”, así como recuperar a industria e avanzar no acceso á vivenda. Ao tempo, avogou por reforzar os servizos públicos "básicos" e crear "emprego de calidade" no ámbito dos coidados.

A secretaria de Emprego de Comisións Obreiras (CCOO), Maica Bouza, instou o Goberno galego a facer “menos declaracións e máis investimentos nos orzamentos de 2024”. Nesta liña, reivindicou “un plan de choque contra a carestía da vida, máis investimento nos servizos públicos e medidas de apoio ao tecido produtivo”.

Comentarios