A Airef prevé unha desaceleración do crecemento económico e o emprego

A institución di que o Estado está "nunha posición certamente vulnerábel".
Unha muller compra peixe nun estabelecemento da praza de Lugo, na cidade da Coruña (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Unha muller compra peixe nun estabelecemento da praza de Lugo, na cidade da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A presidenta da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef), Cristina Herrero, preveu esta quinta feira unha desaceleración do crecemento económico no Estado español na segunda metade do ano "con maior intensidade e anticipación" do esperado e proxectou ademais unha perda de dinamismo no mercado de traballo.

"Os indicadores e datos dispoñíbeis apuntan a unha desaceleración do crecemento económico para a segunda metade do ano que vén acompañado ademais de certa perda de dinamismo no que se refire ao mercado de traballo", afirmou durante a súa intervención en 'Nova Economía Fórum'.

Segundo sinalou Herrero, os elementos que sustentan esta desaceleración do crecemento económico no Estado español xa se anticipaban antes do verán e agora non só se confirmaron, senón que tamén se lles engadiu a suba do prezo do petróleo. 

"A desaceleración económica que anticipabamos antes do verán agora parece que se vai a producir con maior intensidade e con maior anticipación", sinalou a representante da institución.

Nas súas últimas previsións, o organismo independente anticipou un crecemento económico en 2023 de 2,3% e estimou para o ano 2024 unha alza do Produto Interior Bruto (PIB) de 1,9%.

Factores de desaceleración

Entre os factores que afectarán á economía nesta segunda parte do ano, Herrero destacou a persistencia da inflación subxacente, a repunta nos prezos do gas e do petróleo, a deterioración do comercio internacional e a translación do endurecemento das condicións monetarias á economía real.

Segundo lembrou a presidenta da Airef, hai uns días o Banco Central Europeo (BCE) subiu novamente os tipos de xuro e isto, sumado a unha ratio de débeda de ao redor de 110% do PIB, sitúa o Estado español "nunha posición certamente vulnerábel".

Comentarios