A Galiza exportou 42% da produción eléctrica en 2023

A xeración eléctrica chegou o ano pasado na Galiza a 23.872.174 megawatts hora (MWh), sendo de orixe renovábel 17.987.088 MWh desa produción, o que significa que a electricidade procedente das tecnoloxías limpas supera o consumo interno en 26,7%. Asemade, a Galiza mantense como un territorio excedentario en produción de electricidade, até o punto de exportar en 2023 máis de 42% da enerxía eléctrica xerada, coa Comunidade de Madrid como principal beneficiada.
grafica-web
photo_camera Electricidade exportada por Galiza entre 2011 e 2023. (Foto:Nós Diario).

A exportación de electricidade situouse en máximos históricos en 2023. Segundo os datos que fixo públicos Rede Eléctrica Española (REE) na fin de semana sobre a xeración de electricidade nesa anualidade, 10.716.518 megawatts hora (MWh) saíron da Galiza ao longo dese exercicio. Neste sentido, destinouse a exportación 42,6% do total da enerxía de natureza eléctrica xerada na Galiza. 

O principal destino da produción galega foi Madrid, que no mesmo período consumiu 29.197.598, dos cales só xerou 938.843 MWh, isto é 3,2% da demanda interna. Neste caso, só 450.278 MWh foron de orixe renovábel, sendo a única comunidade do Estado español que non conta con ningunha instalación eólica e non xera electricidade procedente do vento. Esta situación é resultado da especialización produtiva interna no espazo estatal.

A exportación da electricidade en 2023 superou en 6,3 puntos a de 2022. As cifras da enerxía eléctrica exportada na pasada anualidade foron as máis elevadas de toda a serie histórica desde 2011, primeiro ano en que Rede Eléctrica Española deu a coñecer os datos. A este respecto, Quico da Silva, membro do colectivo de debate enerxético Bidán, sinala a Nós Diario que “2023 é o ano de maior exportación e está 4,4 puntos po riba de 2013, que posuía o récord até este exercicio”. 

O excedente de produción eléctrica vénse dando na Galiza de forma continuada nas últimas décadas. Nesta dirección, nos exercicios ordinarios, aqueles onde a fábrica de Alcoa se atopa a pleno funcionamento, a terceira parte da electricidade producida polas distintas tecnoloxías non se utiliza no país, destinándose a outros territorios que consomen o produto final, sen cargar cos custos ambientais e sociais.

Quico da Silva pregúntase “como é posíbel que exportando máis de 40% da electricidade que se produce teñamos industrias que poden fechar polo prezo eléctrico, ou que teñamos fogares en pobreza enerxética”. Así, denuncia que “hai empresas en risco de poder instalarase por non ter as necesarias liñas do subministro eléctrico ou os cotizados e demandados puntos de acceso e conexión para verter na rede de transporte”. 

A xeración eléctrica chegou o ano pasado a 23.872.174 MWh, o que representa un aumento da produción de 6,3% en relación co ano 2022. A electricidade de orixe non renovábel sumou 5.885.086 MWh, rexistrando unha caída en referencia ao exercicio anterior de 25,5%. Confírmase deste modo o incremento do peso das enerxías limpas no pool galego.

A xeración renovábel

A Galiza xerou 17.987.088 MWh de orixe renovábel durante o exercicio de 2023. As enerxías  limpas representaron 75,3% do total da produción eléctrica galega, destacando 8.363.8875 MWh de tecnoloxía hidráulica, 9.086.177 MWh de procedencia eólica e 354.722 MWh doutras fontes renovábeis. Asemade, foi significativo o incremento da electricidade de orixe renovábel en referencia ao mesmo período de 2022. A xeración renovábel alcanzou en 2022 os 14.524.646 MWh, isto é 12,2% menos que na pasada anualidade. Concretamente, as subas más elevadas neste exercicio danse na electricidade de tecnoloxía hidráulica, que aumenta a súa produción en máis de 100%, ao pasar de 4.134.075 MWh en 2022 a 8.363.8875 en 2023.

Da Silva valora “moi positivamente o balance enerxético galego de 2023”. Nesta orientación, asegura que “practicamente na maior parte do ano a demanda eléctrica cubriuse con renovábeis, cuxa produción se incrementou nuns valores importantes”. Asemade, destaca “unha nova caída do consumo, que fai da Galiza a zona do Estado onde máis retrocedeu a demanda interna”. Isto explícase, sinala, “polo paro no funcionamento das electrointensivas, nomeadamente Alcoa, polos altos custos da electricidade que afectan especialmente nun país coas rendas salariais e pensións situadas entre as máis baixas do Estado e, en menor grao, polo autoconsumo”.

A caída da demanda

O consumo de electricidade na Galiza en 2023 colocouse en 13.167.524 MWh, o que representa 55,1% do total da produción galega e 73,2% da de orixe renovábel. Neste sentido, aséntase a tendencia da suficiencia eléctrica do país en base as enerxías limpas e os avances en materia de descarbonización, que o sitúan á cabeza do proceso de transición enerxética no Estado. 

A produción de orixe renovábel vén superando as necesidades de consumo eléctrico da Galiza desde o exercicio de 2020. Nesta liña, na totalidade do exercicio de 2023 esta sumou 4.819.654 MWh máis que a demanda interna. A este respecto, Da Silva alerta de que “non estamos electrificando consumos, fundamentalmente do transporte ou de procesos industriais, tal como demanda o proceso de transición enerxética, senón a demanda interna tería que subir”.

Os datos de xeración renovábel da Galiza están na liña dos obxectivos de produción fixados  polas autoridades estatais e comunitarias. De feito, o Plan nacional integrado de enerxía e clima (PNIEC) fixaba no seu orixinal de 2021 como meta que 74% da xeración eléctrica fose de orixe renovábel en 2023, contemplando no seu borrador de 2023 que represente 81%. Así, a Galiza está por riba do obxectivo fixado en 2021 e do estabelecido de 2023.

A posta en marcha dos proxectos de xeración eléctrica actualmente en tramitación implicaría incrementar en 268,2% a potencia instalada na Galiza. A Xunta da Galiza e o Goberno español teñen autorizados 17.550 MW eólicos, a sumar aos 3.907 actualmente en funcionamento. Asemade, contan co visto bo do Executivo estatal 3.095 MW hidráulicos, nun pais cuxos encoros producen 3.378 MW.

O desenvolvemento das renovábeis

Quico da Silva sinala que “non se entende tanta présa para a instalación de renovábeis, particularmente de centrais de xeración eólica terrestre e mariña, á vista da caída da demanda interna”. Nesta perspectiva, o integrante do Colectivo Bidán apunta a que “unha vez cubertos os obxectivos de xeración renovábel marcados polo Estado para Galiza cómpre seguir desenvolvendo proxectos neste ámbito pero analizando o seu retorno social para o país porque as instalacións eólicas levantadas nas últimas décadas non teñen xerado ningún beneficio social”.

Comentarios