ECONOMÍA

A frota galega, contra as cordas

1.800 empregos en perigo

A frota galega, contra as cordas

O pesimismo paira sobre o complexo pesqueiro galego cando remata o tempo para un acordo entre o Reino Unido e a Unión Europea (UE) sobre o Brexit. Mesmo nun escenario de acordo negociado, os representantes do sector temen que a frota galega sexa moeda de cambio no novo marco de relacións entre os británicos e os Estados europeos. Nesta liña, defenden unha posición de firmeza das autoridades comunitarias fronte a Londres e demandan que o Goberno español non tolere o sacrifico da pesca, recorrendo, se fai falla, ao dereito de veto sobre o acordo. 
Celeiro é un dos portos galegos máis expostos ao Reino Unido. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Celeiro é un dos portos galegos máis expostos ao Reino Unido. (Foto: Nós Diario)

A frota galega prepárase para o peor. A este respecto, a Alianza Pesqueira da Unión Europea, onde se integra a Galiza, denuncia que a Comisión Europea "está a punto de sacrificar e traizoar" o complexo pesqueiro comunitario nas negociacións co Reino Unido. O presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores e patrón maior da Confraría de Burela, un dos portos máis expostos ás augas británicas, Basilio Otero, agarda que a UE cumpra cos compromisos adquiridos co sector, xa que do contrario "podería significar a morte para gran parte desta industria, que tanto ten contribuído ás comunidades costeiras de novos Estados da UE".

"A nosa industria, e non é unha metáfora, está ao borde do abismo e malia as repetidas propostas feitas estamos a punto de ser vendidos, tal e como amosa a última oferta feita pola Comisión Europea aos británicos, sobre todo tendo en conta que estas negociacións están destinadas a renovarse dentro de só seis ou sete anos", sinalan desde Cepesca, a entidade patronal que agrupa as principais asociacións de armadores da Galiza, quen afirma que "o único que queríamos evitar era chegar a unha situación de saída do Reino Unido sen ningún acordo asinado, pero a proposta que están realizando agora é igual de negativa, ou peor, para os intereses dos mariñeiros europeos".

A Mariña, co 50% da frota afectada

O xefe de frota de Porto de Celeiro, Jesús Lourido, lembra en declaracións a Nós Diario que "na reunión de decembro ficaron por fixar o 65% dos stocks partillados entre a Unión Europa e o Reino Unido. Segundo se ten filtrado nos últimos días, a Comisión Europea ofreceu ao Reino Unido o 25% do total dos stocks compartidos, o que representa un de cada catro peixes, e isto pon en risco toda a frota da Mariña. Non estamos falando exclusivamente dos arrastreiros ou das embarcacións da pescada senón que afecta outras especies como o xurelo ou a xarda, que tamén están sometidos ao réxime dos stocks partillados.

A maiores, están os 30 barcos de capital galego pero que navegan con bandeira francesa. De ir adiante a proposta actual da Comisión Europea sería unha auténtica desfeita para A Mariña, que concentra 50% da frota de Gran Sol do Estado".

A Xunta advirte tamén dos riscos para a Galiza dun acordo co Reino Unido nos termos propostos pola Comisión Europea. Neste sentido, o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, dirixiuse na última hora do domingo ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, e á ministra de Exteriores, Arancha González Laya, trasladando a súa "preocupación" ante a "deriva" das negociacións entre a Comisión Europea e o Reino Unido. O presidente galego defende que "se siga coa liña marcada inicialmente" nas negociacións, de modo que a pesca "non sexa usada como moeda de cambio" para chegar a un acordo.

A exposición do sector pesqueiro galego ao Reino Unido é moi importante. 1.400 mariñeiros e 96 barcos, dos cales 30 navegan con bandeira británica ou francesa malia seren de capital galego, traballan no caladoiro de Gran Sol, situado ao oeste das illas Británicas. Segundo un estudo elaborado para a Consellaría de Pesca polos profesores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) María do Carme García Negro e Gonzalo Rodríguez Rodríguez, tomando como referencia 2016, o Gran Sol supuxo 140 millóns en salarios, 23 millóns en cotizacións da seguridade social e unha cantidade de impostos recadados por produto de máis de 9 millóns.

García Negro e Rodríguez Rodríguez destacan que "para unha economía das dimensións da galega e tratándose de 96, 66 na Galiza, empresas cun tirón de demanda e actividade mantida en 44 sectores, é unha cantidade de relevancia estrutural". A saída de Gran Sol significaría unhas perdas anuais de 533 millóns de euros. A maiores débese sumar a frota galega das Malvinas, formada por máis de 20 embarcacións, cunha tripulación de arredor de 400 persoas, dedicadas fundamentalmente á pesca das luras, que xa están a notar a suba do prezo das licenzas de pesca e as dificultades derivadas de reformar a súa estrutura mercantil.

Se queres seguir coa lectura non tes máis que ir ao teu quiosque polo Nós Diario de hoxe ou mercalo a través da nosa tenda online. Non lle des máis voltas e elixe unha das modalidades de subscrición que temos para ti!
 

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

Máis en ECONOMÍA
comentarios