A frota galega urxe un acordo con Reino Unido

A Unión Europea e o Reino Unido volven á mesa de negociación para tentar chegar a un acordo. A saída do Reino Unido da Unión Europea sitúa os países con grandes intereses pesqueiros nas augas británicas nunha posición delicada. A frota galega reclama un acordo estábel que garanta o estatus actual.

Mar pesca barco Mikel arrazola
photo_camera (Foto: Mikel Arrazola)

A frota galega xógase moito nas negociacións sobre o acordo pesqueiro entre o Reino Unido e a Unión Europea. No caso de non chegar a unha solución antes de 31 de decembro de 2020, as embarcacións galegas serán expulsadas dos seus tradicionais caladoiros británicos e as embarcacións con bandeira desa nacionalidade non poderán desembarcar nin vender as súas capturas nos portos comunitarios. Ao tempo, os produtos estarán sometidos a toda unha serie de trámites burocráticos que dificultarán a súa comercialización e probabelmente a aranceis.

A exposición do sector pesqueiro galego ao Reino Unido é moi importante. Son 1.400 mariñeiros e 96 barcos, dos cales 30 navegan con bandeira británica ou francesa malia ser de capital galego, traballan no caladoiro de Gran Sol, situado ao oeste das Illas Británicas. Segundo un estudo elaborado para a Consellaría de Pesca polos profesores María do Carme García Negro e Gonzalo Rodríguez Rodríguez, tomando como referencia 2016, o Gran Sol supuxo 140 millóns en salarios, 23 millóns en cotizacións da seguridade social e un monto de impostos recadados por produto de máis de 9 millóns.

1.800 empregos en xogo

García Negro e Rodríguez Rodríguez destacan que “para unha economía das dimensións da galega e tratándose de 96,66 na Galiza, empresas cun tirón de demanda e actividade mantida en 44 sectores, é unha cantidade de relevancia estrutural”. A saída de Gran Sol significaría unhas perdas anuais de 533 millóns de euros. A maiores débese sumar a frota galega das Malvinas, formada por unhas 20 embarcacións, cunha tripulación de arredor de 400 persoas, dedicadas fundamentalmente á pesca das luras, que xa están a notar a suba do prezo das licenzas de pesca e das dificultades derivadas de reformar a súa estrutura mercantil.

As autoridades británicas e comunitarias retomaron esta semana as negociacións co obxectivo de desatascar a situación após unha primeira quenda decepcionante. Naquela altura, o negociador europeo, Michel Barnier considerou a posición británica como “sinxelamente inaceptábel” e sinalou que “o rexeitamento do Reino Unido a garantir condicións de apertura, competencia xusta e un acordo pesqueiro equilibrado fai que, neste punto, o acordo sexa improbábel”. Así as cousas, non é de estrañar que desde a Comisión Europea recoñezan que “até agora, as negociacións avanzaron pouco” malia que os representantes británicos sinalen que  “se pode lograr un acordo en setembro”.

Os representantes de sociedades pesqueiras consideran chave ligar o Acordo de Pesca co Tratado de Comercio. “Agárdanos uns meses moi complicados, onde ademais da urxencia dos prazos debemos abordar unha negociación moi complexa, porén xa conseguimos que a Unión Europea vincule o Acordo de Pesca co Tratado de Comercio”, sinalan estas mesma fontes a Nós Diario. Un dos elementos chave na definición da posición final da Unión Europea é a postura favorábel a esa formulación de Alemaña e Francia.

"Unha status semellante ao actual"

As fontes do sector, consultadas por Nós Diario, defenden “unha situación de saída semellante a actual”. Neste sentido, consideran que “se ben é certo que unha porcentaxe moi importante das nosas capturas procede das augas británicas, os británicos comercializan nos mercados comunitarios, e moi particularmente no do Estado español, un parte importante da súa pesca”. Na mesma liña destacan “a importancia do Estado non só para os produtos da frota industrial senón para a pesca de  Escocia e Galés, unha actividade fundamentalmente de baixura que coloca na península boa parte do seu marisco”.

A posición británica non se pode disociar da súa dependencia dos mercados comunitarios. As capturas da frota desta nacionalidade supera de xeito claro as necesidades de consumo da súa sociedade polo que a súa posición na negociación está condicionada polo obxectivo de conseguir mellores condicións de acceso para os seus produtos pesqueiros sen asumir as obrigas derivadas das diferentes normativas dos mercados dos Estados da Unión Europea.

O complexo pesqueiro galego quere un acordo estábel e a longo prazo. Neste sentido, desde o sector consideran necesaria “unha saída pactada” e opóñense “a negociar cada ano os termos do acordo, xa que a experiencia nos di que fórmulas dese tipo están chamadas a medio prazo ao fracaso”. Porén, entenden que “urxe chegar a un pacto cos británicos canto antes, pois precisamos de tempo para organizar o noso traballo e sobre todo para buscar unha alternativa se non hai acordo”.

Comentarios