Os fondos do programa Next Generation continúan sen chegar a Galiza

Os fondos do programa Next Generation seguen sen chegar a Galiza. Neste contexto, unha parte dos denominados pola Xunta da Galiza  "proxectos tractores" carecen de financiamento para pórse en marcha. Un exemplo disto é a factoría de viscosa de Altri en Palas de Rei.

Pedro Sánchez, no centro, cos directivos de Maersk, en novembro. (Foto: Europa Press)
photo_camera Soren Skou, CEO de Maersk, Pedro Sánchez, e Amparo Moraleda, directiva de Maersk, durante a presentación do proxecto en novembro de 2022. (Foto: Europa Press)

Os fondos procedentes do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia, aprobado polo Parlamento Europeo o 12 de febreiro de 2021, seguen sen chegar a Galiza. No conxunto de proxectos que configuran este complexo programa dos fondos Next Generation sobresaen os denominados Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica (Perte), que xeraron moitas expectativas e tamén unha certa polémica. Unha crítica recorrente desde a Galiza é a excesiva centralización deste programa na Administración estatal e as dificultades do tecido produtivo para acceder a el. Neste sentido, actualmente atópanse aprobados 12 Perte.

Un dos Perte de onde saíron aprobados tres proxectos para Galiza foi o das enerxías renovábeis, hidróxeno renovábel e almacenamento. Neste caso, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico resolveu o pasado mes de marzo a concesión de 200 millóns para 37 proxectos de hidróxeno renovábel dos que tres son galegos e recibirán 32 millóns de euros. O primeiro deles, emprazado nas Pontes (comarca do Eume), denomínase H2Pole e participan del Reganosa e a empresa de electricidade lusa EDP. O proxecto de Caldas de Reis denomínase Green Umia e está participado por Iberdrola e Foresa. O proxecto do Porto de Vigo, denominado Julio Verne, está impulsado por un grupo de pemes coa participación de Anfaco, Centro Tecnolóxico de Automoción e Aclunaga.

Iniciativas á espera dos fondos da UE

O tecido económico galego agarda varios Perte para desenvolver determinados proxectos. Un deles é o do vehículo eléctrico e conectado, polo que espera a fábrica de Stellantis en Vigo tres ser excluído na primeira convocatoria. Outro, o do sector agroalimentario, onde formalizaron una proposta 10 empresas do sector, coordinadas pola Agrupación Industrial Alimentaria da Galiza (Clusaga) baixo a denominación de SmarTZ4Milk. Un terceiro, o do sector naval, onde compite Asime, e un cuarto, o da descarbonización industrial, dotado con 11.800 millóns de euros, ao que aspiran, entre outras empresas, Alcoa e Altri.

Os fondos Next Generation pasaron até agora de longo por Galiza. Neste momento, diversas propostas foron rexeitadas e os denominados polo Goberno galego "proxectos tractores" seguen paralizados ao non ter garantido o financiamento.

Precisamente, nesta situación atópanse algunhas alternativas como Showa Denko, que quer erguer unha factoría de grafito na Coruña, ou a multinacional danesa Maersk, a primeira navieira do mundo con perto de 1.000 embarcacións entre portacontedores e remolcadores, que anunciou a súa intención de erguer unha factoría de biometanol na contorna do porto de Langosteira, na Coruña, para servir combustíbel á súa frota.

 

Altri: O exemplo paradigmático

A proposta de Altri para Palas de Rei está, tamén, parada, porén neste caso o problema é outro. O denominado polos seus promotores proxecto Gama non cumpre cos criterios fixados polo programa Next Genaration para recibir axudas procedentes do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia. Ao tempo, o emprazamento fixado presenta dificultades desde o punto de vista ambiental e de conexión coa rede eléctrica.

A maiores, os seus impulsores carecen da tecnoloxía propia necesaria para desenvolver a iniciativa e non son quen de atopar una parceiro tecnolóxico que se sume o proxecto. De feito, dispoñen actualmente desta tecnoloxía só tres empresas no mundo, dúas delas asiáticas e unha terceira europea, a austríaca Lenzing AG. Este é un dos motivos de que a escolla de Altri para desenvolver o proxecto da fábrica de viscosa xerara sorpresa no sector. Malia que a proposta inicial da Xunta da Galiza pasaba por outras compañías, a decisión de Inditex de non participar no proxecto levou o Goberno galego a optar pola empresa lusa.

O investimento necesario para pór a andar a fábrica de viscosa en Palas de Rei está estimado en 850 millóns de euros, reclamando os promotores axudas públicas de entre 250 e 300 millóns de euros para levar adiante o proxecto. Neste sentido, a contía reclamada é considerada como moi elevada para o monto total do proxecto Next Generation polos consultores especializados en fondos europeos contactados por este xornal. A este respecto, os fondos reclamados por Altri para o seu proxecto son moi elevados tanto para o Perte da economía circular, que suma 492 millóns de euros, ou para o Perte da descarbonización industrial, que conta con 3.100 millóns.

O propio Goberno estatal ten instado en diversas ocasións Altri a reformular a súa iniciativa para Palas de Rei ou, no caso contrario, á súa presentación a 17 ordes de axuda correspondentes con outros tantos Perte formulados ou previstos desde o Executivo. Neste sentido, a multinacional portuguesa comprometeuse en xullo deste ano, nunha reunión en Lisboa co ministro español de Industria, Héctor Gómez, a reformular a súa proposta co fin de atopar cobertura no Perte da descarbonización. En todo caso, ningunha das solucións garantía os 250 millóns de diñeiro público que a empresa portuguesa requiría para instalarse na Galiza.

Á falla de encaixe nas liñas de financiamento, súmanselle as dificultades para contar coa potencia eléctrica necesaria. Neste sentido, a Consellaría de Industria urxe a “construción dunha nova subestación eléctrica, unha liña de conexión e unha entrada e saída á liña de 220kV existente entre Mesón do Vento-Belesar para atender en condicións óptimas as necesidades de subministración da fábrica de fibras téxtiles sostíbeis de Altri”.

Rede eléctrica

A factoría proxectada na localidade da comarca da Ulloa necesita 110 megawatts de potencia eléctrica para o seu funcionamento. Nesta situación, atópanse outros proxectos declarados estratéxicos pola Xunta da Galiza e que optan, tamén, a axudas procedentes do programa da Unión Europea, como Showa Denko e H2 POLE. A ausencia de investimento na rede eléctrica

Comentarios