As pequenas empresas só recibiron 7,9% dos fondos Next Generation por parte do Estado

O servizo de estudos de Funcas, entidade dependente da Confederación Española de Caixas de Aforros (Ceca), vén de facer público un informe sobre o impacto dos fondos Next Generation no tecido empresarial do Estado español.
Florentino Pérez é o presidente do Real Madrid (Foto: Europa Press).
photo_camera O grupo de Florentino Pérez é o máis favorecido no Estado polas axudas da UE.(Foto: Europa Press).

O estudo, elaborado polo catedrático de Análise Económica da Universidade de Valencia, Joaquín Maudos, conclúe que só oito de cada 100 euros adxudicados polo Estado procedentes deste programa comunitario chegaron ás pequenas empresas.

Os datos recollidos neste traballo indican que os grandes e medianos grupos empresariais recibiron do Goberno español 92,1% dos fondos, dos cales 72,1% corresponderon exclusivamente ás consideradas  como grandes empresas, por superar 250 empregados e 50 millóns de facturación.

Os fondos Next Generation asignados ao Estado español a través do Mecanismo para a Recuperación e Resiliencia (MRR) e da Axuda á Recuperación para a Cohesión dos Territorios de Europa suman 173.670 millóns de euros.

A finais de 2022, o Goberno estatal tiña convocado en licitacións e subvencións o 43,7% dos mesmos, sendo o grado de execución destes 45,6%, xa que máis da metade dos convocados non se concederon. Asemade, 73,4% tiveron como destino o tecido empresarial, por un importe de 12.001 millóns de euros, sendo o grupo de actividade máis favorecido o sector servizos, con 46,9% do total e o conglomerado da construción con 41,6%.

Concretamente, dentro dos servizos as maiores achegas foron para a información e as comunicacións, con 15,4%, e o comercio, con 12,1%

Criterios de reparto

Maudos sinala que as microempresas, aquelas compañías con menos de 10 traballadores e ingresos anuais inferiores a dous millóns, recibiron 1,2% das adxudicacións do Estado e 4,9% das comunidades autónomas e dos concellos.

As pequenas empresas, mercantís con menos de 50 traballadores e ingresos anuais inferiores a 10 millóns, recibiron 6,7% das licitacións do Estado e 17%  das comunidades autónomas e dos concellos.

As medianas empresas, unidades produtivas con menos de 250 traballadores e ingresos inferiores a 50 millóns, lograron 20% dos contratos do Estado e 25% das comunidades autónomas e dos concellos.

As grandes empresas, aqueles grupos que non se poden clasificar nos anteriores, conseguiron 72,1% dos ingresos do Estado e 53,1% dos procedentes das comunidades autónomas e dos concellos.

Comentarios