O Estado e Altri buscan emendar o proxecto falido da Xunta da Galiza

A empresa lusa Altri reuniuse, segundo transcendeu esta segunda feira, con representantes do Executivo español para emendar a candidatura presentada pola Xunta da Galiza que procuraba fondos da Unión Europea (UE) Next Generation para a creación dunha fábrica de Altri en Palas de Rei, na comarca da Ulloa. A candidatura da Xunta foi rexeitada por non cumprir cos criterios para obter financiamento dos fondos da UE. O delegado do Executivo estatal criticou "a irresponsabilidade do PP".
O ministro español de Industria, Hector Gómez, á dereita no centro, con representantes de Altri (Foto: David López Villalta).
photo_camera O ministro español de Industria, Hector Gómez, á dereita no centro, con representantes de Altri. (Foto: David López Villalta)

O ministro de Industria, Héctor Gómez, mantivo unha reunión en Lisboa con representantes da compañía lusa Altri na que acordaron darse un prazo para axustar o proxecto de fábrica de fibras téxtiles en Palas de Rei aos criterios e exixencias da Unión Europea (UE) para que poida obter financiamento.

Nun comunicado que transcendeu esta segunda feira, destacou que Altri "presenta un proxecto extraordinario que encaixaría cos obxectivos da aposta cara á descarbonización". "Por iso vin até aquí, para coñecer e acompañar, porque o apoio cara a este tipo de iniciativas debe contar con toda a nosa atención", sinalou o ministro español de Industria.

O actual proxecto de Altri non cumpre cos criterios dos fondos Next Generation, segundo aclarou a pasada semana a ministra de Asuntos Económicos do Goberno estatal, Nadia Calviño, e corroborou o até xuño vicepresidente primeiro da Xunta da Galiza, Francisco Conde.

Ademais, desde o punto de vista ambiental, tamén se trata dun proxecto discutido, pois require a captación dun caudal de 17.000 millóns de litros de augas ao ano procedentes do encoro de Portodemouros, situado nos concellos de Arzúa (comarca homónima) e Vila de Cruces (comarca do Deza).

Gómez coñeceu de primeira man o proxecto de investimento que esta empresa deseñou. "Este Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) [de descarbonización], dotado con 3.100 millóns de euros, contribuirá a modernizar a nosa industria para afrontar con éxito a transición ecolóxica apostando polo fomento do uso de enerxías renovábeis, a protección do medio ambiente e o avance cara á economía circular. Queremos que o Estado español lidere a revolución verde industrial a nivel da UE e o Perte vai axudar a conseguilo", apuntou o ministro.

Criticas á Xunta da Galiza

O delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco, subliñou que "o Goberno galego sabe que o proxecto, tal e como eles o presentaron inicialmente, e como xa dixemos, non se axustaba aos criterios exixidos pola UE", reprochou o delegado.

Ademais, remarcou que o Executivo do Estado español traballa para "asegurar o financiamento", "lonxe da irresponsabilidade do PP". "Lembrámoslle ao presidente [da Xunta], Alfonso Rueda, que en cuestións tan serias non vale facer populismo, hai que axustarse á legalidade para non pór en perigo proxectos estratéxicos para a Galiza como é o de Altri", avisou.

Hidróxeno en Lugo

A Xunta da Galiza someteu esta segunda feira a información pública o proxecto dunha planta de hidróxeno no Centro de Innovación Norvento Enerxía (CIne), situado en Lugo, polo que se abre o período de alegacións durante 20 días a partir desta terza feira. O proxecto, promovido pola empresa Nedgia Galicia, pasa pola implantación dun sistema de inxección de hidróxeno verde, producido no CIne, na rede de distribución de gas natural do concello de Lugo.

Comentarios