Parlamento

A Xunta xera dúbidas sobre a xestión dos Next Generation

As dúbidas sobre a xestión dos fondos Next Generation da Unión Europea volveron esta quinta feira ao Parlamento da Galiza. Malia a tentativa do deputado socialista Pablo Aranguena por atopar respostas do Goberno galego, os responsábeis da Xunta da Galiza negáronse a clarificar os reparos formulados polo Consello de Contas. Hoxe volve o tema á Cámara, desta vez da man do parlamentario nacionalista Ramón Fernández Afonzo.

O deputado do PSdeG, Pablo Arangüena (Foto: PSdeG).
photo_camera O deputado do PSdeG Pablo Arangüena. (Foto: PSdeG)

A xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) efectuada pola Xunta da Galiza está en cuestión. A este respecto, un informe aprobado polo pleno do Consello de Contas o pasado 24 de abril, no marco dun proxecto de fiscalización do programa europeo acordado en febreiro de 2022 polo Tribunal de Contas estatal e os seus homólogos autonómicos, denuncia o modelo de xestión seguido polo Goberno galego e a ausencia de transparencia na posta en marcha das liñas de axuda económicas, entre elas os fondos Next Generation.

O Consello de Contas manifestouse moi crítico co modelo de gobernanza do programa seguido polo Executivo galego. Neste sentido, advertiu do incumprimento das súas funcións por parte da Comisión para a planificación e impulso dos proxectos e criticou a non constitución do comité técnico de fondos da recuperación, os dous instrumentos chaves para a dirección e xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

PSOE

O deputado socialista Pablo Arangüena interpelou esta quinta feira sobre estas cuestións o Goberno galego. Neste sentido, sinalou que “o informe de fiscalización sobre as medidas adoptadas no ámbito autonómico para a implementación do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, publicado polo Consello de Contas en abril de 2023, pon de manifesto unha importante e inxustificábel falla de transparencia na planificación e control dos mecanismos de recuperación, asociados a fondos públicos multimillonarios”.

O director xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos, Ángel Tarrío, non resolveu as dúbidas de Arangüena. Na súa intervención, limitouse a eludir os reparos formulados polo Consello de Contas e por derivar as responsabilidades cara o Executivo do Estado, sinalando que o plan é elaborado "polo Goberno español, conforme á estrutura dos ministerios e onde a marxe de manobra das comunidades autónomas é nula”. Ao tempo, asegurou que “a cogobernanza non existe na xestión dos fondos”.

BNG

O debate sobre a xestión dos fondos Next Generation e o funcionamento da sociedade público-privada Impulsa, promovida pola Xunta da Galiza para "axilizar iniciativas empresariais tractoras", volve hoxe á Cámara galega da man do BNG.

O deputado Ramón Fernández Afonzo preguntará á Xunta da Galiza sobre “os custos operativos" de Impulsa nos exercicios 2021 e 2022, “as retribucións do consello de administración, comité executivo e alta dirección” e as actividades desenvoltas pola compañía. Precisamente, cando van alá máis de dous anos desde a súa fundación, o Executivo segue sen achegar case información sobre a actividade desenvolvida pola mesma.

Comentarios