Os fogares galegos e navarros son os que máis sofren o impacto da inflación no IVE

O IPC aumentou en dous anos a carga fiscal das familias en 340 euros.
Supermercado (Foto: Carlos Castro/Europa Press).
photo_camera Muller comprando nunha peixaría. (Foto: Carlos Castro/Europa Press).

O aumento dos prezos implica, así mesmo, unha maior carga fiscal derivada do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE), posto que esta tributación indirecta se calcula a partir dunha porcentaxe sobre a adquisición de cada produto e servizo.

Neste sentido, a Galiza (en 340 euros) e Nafarroa (en 341,2 euros) foron as dúas autonomías do Estado nas que houbo un maior incremento da carga fiscal derivada do IVE no acumulado dos anos 2020 e 2021.

Segundo o artigo publicado pola Fundación das Caixas de Aforro (Funcas) no marco do seu último Caderno de Información Económica, titulado Impacto da inflación sobre o IVE soportado polos fogares españois nos anos 2021 e 2022, a carga fiscal soportada polos fogares galegos e navarros nesas anualidades fica máis de 40 euros por riba da media do conxunto do Estado (297 euros).

Pola súa parte, o estudo de Funcas reflicte que o IVE acumulado por inflación é maior nos fogares que residen en municipios de menor tamaño. Este patrón en contra dos fogares que residen en zonas rurais obsérvase con independencia da idade do sustentador principal (maior ou menor de 65 anos) ou de que existan crianzas menores de idade dentro do fogar.

O estudo da institución sinala, a partir do cálculo no conxunto do Estado, que até 52,4% da recadación do IVE soportado polos fogares durante o ano 2022 é directamente atribuíbel ao efecto da crise inflacionista.

A nova publicación de Funcas tamén analiza a suba "significativa" dos custos de financiamento de fogares, empresas e Administracións Públicas despois de máis dun ano de subas continuadas dos tipos de xuro, o que provocou que se estea observando xa unha "apreciábel contracción" do crédito e un aumento do custo da débeda.

49% dos alimentos co IVE rebaixado encareceron

Case a metade dos alimentos co IVE rebaixado (48,9% do total) polas medidas tomadas polo Goberno estatal contra a inflación encareceu os seus prezos nos supermercados, segundo o novo estudo realizado por Facua sobre case un milleiro de alimentos en oito grandes cadeas.

A porcentaxe de prezos nos que a organización detectou subas foi aumentando progresivamente desde xaneiro. Desta forma, mentres que o ano empezou con incrementos en 6,7% dos produtos analizados, en febreiro xa foron 17,4%, en marzo 30,8%, en abril 42%, en maio 43,8%, en xuño 44,7%, en xullo 47%, en agosto 48,4%, e en setembro 48,9% do total.

Comentarios