O elevado prezo dos alimentos fai repuntar a inflación na Galiza, que sobe máis que no Estado

Os alimentos e bebidas non alcólicas lideran a suba do IPC galego, que se sitúa en 2,7% na taxa interanual, adiantando de novo a media estatal por unha décima.
O prezo dos alimentos segue a medrar na Galiza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O prezo dos alimentos segue a medrar na Galiza. (Foto: Nós Diario)

A inflación, e por tanto o incremento do custo da vida, volve ser superior na Galiza que no resto do Estado español. Así o evidencian os últimos datos publicados esta terza feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que ratifican a tendencia alcista dos prezos en agosto e sitúan o IPC galego en 2,7% na taxa interanual. É dicir, que o pasado mes todos os bens de consumo foron no país, de media, 2,7% máis caros que en agosto de 2022.

Tamén se incrementa o Índice de Prezos de Consumo no conxunto do Estado, pero unha décima menos, cun rexistro de 2,6% de variación anual. En xullo, pola contra, a inflación fora superior a nivel estatal —2,3%— que na Galiza —2,1%—, onde este indicador repuntou por volta de seis décimas. É o terceiro mes consecutivo de ascensos, pois xuño fechou cun dato de 1,5% após o 2,9% que se anotara en maio.

Tomando como referencia o dato de xullo de 2023, en agosto os prezos medraron no país 0,8%, tres décimas máis que no conxunto do Estado español, que experimentou un incremento de 0,5% na comparativa mensual. O da Galiza é un crecemento superior ao rexistrado entre xuño e xullo (+0,1%) e o maior desde febreiro, cando os prezos aumentaran na mesma proporción a respecto de xaneiro.

Os alimentos volven liderar a suba de prezos

Os alimentos e bebidas non alcólicas seguen a ser o grupo de bens que máis encareceu no último ano, pois ao longo do pasado agosto custaron na Galiza até 10,7% máis que en igual mes de 2022. Se o cesto da compra se pagaba a 100 euros o 31 de agosto do pasado ano, o mesmo día de 2023 custou 110,7 euros. E o seu prezo seguiu subindo mes a mes, pois os alimentos foron tamén 0,6% máis caros que en xullo deste mesmo ano.

En segunda posición na taxa interanual fican as bebidas alcólicas e o tabaco, cun incremento de 6,7%, e en terceiro lugar os hoteis, cafés e restaurantes, cuxos prezos subiron no último ano 6,5%. A listaxe complétana cultura e lecer (+5,9%), enxoval (+4,7%), comunicacións (+4,3%), transporte (+2,3%), produtos sanitarios (+1,8%) e vestido e calzado (+0,8%).

Pola contra, comparando agosto de 2023 co mesmo mes do ano precedente, baixaron os prezos do ensino (-0,9%) e, especialmente, da vivenda (-19,7%). Outros bens non catalogados en ningunha das anteriores categorías incrementaron o custo por volta de 4,9%, sempre segundo os datos do INE.

"Maior crecemento e menor inflación"

Após coñecer esta estatística, a vicepresidenta primeira do Goberno español e ministra de Asuntos Económicos en funcións, Nadia Calviño, destacou que os datos definitivos do IPC de agosto constatan que a inflación ficou por baixo de 3% e moderouse a dos alimentos, ficando en rexistros semellantes aos meses anteriores, se ben continúa en aumento —na Galiza, en xullo fora de 10,4%, e en xuño, 10%—.

"España consolídase como a economía europea con maior crecemento e menor inflación, o cal beneficia a competitividade das nosas empresas e tamén o poder adquisitivo dos salarios", celebrou Calviño, en declaracións remitidas aos medios de comunicación. A vicepresidenta primeira salientou tamén que as medidas de política económica aplicadas no Estado "permitiron recortar a inflación" oito puntos no último ano, "nun contexto inflacionario en toda Europa".

Comentarios