Facenda descarta impor un imposto especial a cadeas de supermercados

A banca e as enerxéticas pagaron 1.454 millóns polos novos impostos.
A ministra española de Facenda, María Jesús Montero, esta terza feira.
photo_camera A ministra española de Facenda, María Jesús Montero, esta terza feira.

O Goberno do Estado español cre que coas medidas adoptadas como a baixada do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) a determinados alimentos logrouse o obxectivo de "frear" a alza dos prezos da alimentación, á vez que descartou impoñer un imposto extraordinario ás empresas da distribución similar ao das eléctricas e a banca.

"A baixada do IVE funcionou e permitiu unha baixada dos prezos do cesto da compra básica", asegurou esta terza feira a ministra española de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero. "O importante era frear a alza, que se poida ir estabilizando e volver aos prezos previos", subliñou a ministra española.

Cuestionada por se estudan a posibilidade de impor un imposto ás empresas da distribución, a titular de Facenda foi clara: "Non temos ningún dato que nos permita afirmar que haxa beneficios extraordinarios noutras empresas que non sexan as enerxéticas e as da banca, mais como sempre monitorizamos a situación".

Pola súa parte, a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, pediu ás distribuidoras alimenticias que trasladen a redución do IVE dos produtos de primeira necesidade aos prezos do cesto básico da compra, asegurando que combater a inflación é "unha responsabilidade compartida".

Non obstante, a vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, considerou "insuficiente" esta posición e reivindicou actuar sobre as marxes empresariais dos grandes supermercados para abaratar os prezos, dado que este mercado compórtase como un "oligopolio". Ao respecto, Díaz indicou que cinco grandes supermercados repártense máis de 50% da cota de mercado.

A ministra española de traballo reivindicou que a Lei de Comercio polo miúdo permite intervir marxes empresariais en produtos de primeira necesidade, que agora son excepcionalmente "superlativos", ante situacións excepcionais, como unha inflación de 15,3% nos alimentos que fai "imposíbel" garantir unha alimentación sa e de calidade a moitas persoas. 

A banca e as enerxéticas pagaron 1.454 millóns polos novos impostos

A Axencia Tributaria recadou 817,4 millóns co pago anticipado do imposto temporal a enerxéticas, mentres que o importe obtido polo tributo a entidades financeiras superou os 637 millóns de euros, o que en conxunto supón 1.454 millóns de euros para as arcas públicas.

"Os resultados son moi positivos", destacou a ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros e Ministras desta terza feira.

Así o explicou na mesma xornada na que finalizou o prazo tope para o pago anticipado dos impostos, que se corresponde coa metade do previsto para todo o ano. Desta maneira, as entidades financeiras e enerxéticas tiveron que ingresar, en concepto de pago anticipado, o resultado de multiplicar a porcentaxe de 50% sobre o importe de presentación calculado.

Porén, o imposto sufriu modificacións na tramitación que reduciron o gravame sobre as compañías. Entres os cambios, o imposto á banca pasou a só afectar á actividade no territorio estatal e no caso das enerxéticas deixáronse de taxar as subministracións reguladas.

Comentarios