O FMI pide un maior "endurecemento" dos tipos de xuro na zona euro

A institución tamén solicita unha política fiscal "máis estrita".
A directora xerente do Fondo Monetario Internacional, Kristalina Georgieva (Foto: Britta Pedersen / DPA).
photo_camera A directora xerente do Fondo Monetario Internacional, Kristalina Georgieva. (Foto: Britta Pedersen / DPA)

O Fondo Monetario Internacional (FMI) considerou esta cuarta feira necesario "un maior endurecemento da política monetaria" na zona euro para devolver a inflación ao obxectivo de 2%, ao que tamén contribuiría, sinalou, unha política fiscal "máis estrita".

Na súa análise, o FMI apostou por unha recuperación gradual da economía na rexión, mesmo cunha política monetaria dura, aínda que recoñeceu que as perspectivas financeiras da zona euro son de grande incerteza.

A institución con sede en Washington non espera que os prezos da área do euro crezan de acordo co obxectivo de 2% até 2026, posto que prevé unha taxa de 5,2% no presente ano, de 2,8% en 2024 e de 2,1% en 2025. 

Neste contexto, a dirección do FMI opina que levar a inflación de regreso á meta "segue sendo a prioridade a curto prazo". De tal modo, na conclusión das súas consultas sinalaron a necesidade de manter unha postura de política monetaria "estrita".

Inflación na zona euro

O FMI incide así no mantemento das subas dos tipos de xuro a pesar da tendencia descendente das taxas de inflación na zona euro. Segundo os datos achegados esta cuarta feira por Eurostat, a taxa de inflación interanual da zona euro retrocedeu seis décimas porcentuais en xuño en comparación co mes anterior, alcanzando así 5,5%, fronte á taxa de 6,1% que marcaba en maio.

O índice de xuño supón, de feito, o menor encarecemento interanual dos prezos na zona euro desde xaneiro de 2022. Pola contra, a inflación subxacente (que non ten en conta a enerxía e os alimentos frescos), ascendeu até unha taxa interanual de  5,5%, dúas décimas porcentuais por riba da lectura de maio.

Incidencia nas hipotecas

A dura política monetaria que está exercendo o Banco Central Europeo (BCE) está a supor un encarecemento das taxas hipotecarias na Galiza. O Euribor a 12 meses, o índice de referencia para as hipotecas a nivel galego, alcanza unha media de 4,167% no mes de xullo.

O índice superou o limiar de 4% en xuño, algo que non acontecía desde 2008, o que se traduce nun encarecemento por riba de 3.000 euros anuais dunha hipoteca media.

Comentarios