Ferroatlántica para a actividade malia recibir 33 millóns do Estado

A planta de Ferroatlántica de Sabón, pertencente ao Grupo Ferroglobe, parou recentemente o último dos tres fornos que tiña en funcionamento, co cal a fábrica situada en Arteixo encóntrase nestes momentos sen ningún tipo de actividade industrial.

Fábrica de Ferroatlántica en Arteixo (Foto: Ferroglobe).
photo_camera Fábrica de Ferroatlántica en Arteixo (Foto: Ferroglobe).

A CIG pon de manifesto nun comunicado de prensa que a decisión tomada, segundo lle trasladou a empresa aos traballadores e traballadoras, vén motivada “polos altos prezos da enerxía, principal custo de produción desta factoría electrointensiva”.

Pero esta medida, acrecenta o sindicato, “non só supón a parada da produción, senón que tamén se iniciará a negociación dun ERTE, previsibelmente para setembro, tanto para a fábrica de Sabón como para a fábrica de Boo en Santander”.

O grupo bateu récord de beneficios

O presidente do comité de empresa, Armando Platas, asegura estar “sorprendido” ante a decisión da empresa, debido a que Ferroatlántica, tras recibir a axuda da SEPI de 33 millóns de euros, “bateu récords de beneficios no primeiro trimestre do ano e prevese que supere eses números no segundo trimestre”. Uns resultados, engade a CIG, “que se celebraron recentemente no 50 aniversario da planta ante as administracións locais, autonómicas e estatais”.

Todo o anterior, lamenta o sindicato galego, “non impediu a deslocalización da produción a outros países onde Ferroglobe ten capacidade para fabricar silicio”. “Unha produción baseada na fundición do seixo extraído das minas que a Xunta da Galiza lle ten outorgada a concesión ao Grupo Ferroglobe”, lembra.

Explotación de minas

A explotación das minas, informa a CIG, multiplicouse por catro no último ano e “agora mesmo ningunha das fábricas que o grupo ten no Estado español se está beneficiando desta extracción, a pesar de estar Ferroglobe espoliando os nosos recursos naturais”.

Neste contexto, o presidente do comité solicitou unha reunión co conselleiro de Industria para trasladarlle as preocupacións das traballadoras e traballadores e para demandarlle que actúe para a posta en funcionamento da fábrica.

Comentarios