Feijóo insiste en dar por fechado o acordo con Pemex ''sen concretar o prezo'' dos buques

O Goberno mexicano desmentiu a existencia de compromiso algún con Galiza, mais o titular da Xunta reitera que a multinacional quere construír nos nosos estaleiros. E quere facelo, di Feijóo, antes incluso de saber o que se lle vai cobrar polos barcos

Hai unhas semanas, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, voltou de México, onde formou parte do séquito de Rajoy, coa boa nova de que en contactos de "alto nivel" xa se tiña chegado a un principio de acordo coa potente Pemex (Petróleos Mexicanos) --cuxas vendas superan os 100.000 millóns de dólares anuais-- para que buques da súa flota menor se construísen en asteleiros da Galiza.

Desde aquela até hoxe nin empresas nin o cadro de persoal destas coñecen o contido dun acordo que, seguindo ao pé da letra as declaracións de Pemex e do propio Goberno mexicano --accionista da petroleira--, semella non ser máis que unha declaración de intencións: Pemex pediu orzamento para a construción dos barcos a estaleiros de todo o Mundo, e entre eles atópase o de Ferrol. E por se ficaban dúbidas acerca da firmeza do plan fechado por Feijóo para 'salvar' o sector galego, un cargo de Pemex declarou na prensa mexicana que, de existir algún compromiso desta empresa co naval, sería co mexicano, que está en pleno proceso de reconfiguración e relanzamento.

Mais recentes aínda son as declaracións desta sexta feitas polo propio goberno Federal, nas que anuncia que deu "marcha atrás na súa pretensión de mandar construir barcos en Galiza, España, e agora as 21 naves faranse en estaleiros mexicanos". Quen falou foi o vicepresidente nacional da Cámara Mexicana da Industria do Transporte Marítimo, José Manuel Urreta Ortega. A multinacional Pemex está participada polo Estado mexicano, de aí a importancia das declaracións deste representante do Goberno.

Porén, a seguridade coa que Feijóo falou este domingo ante os micros da radio pública nacional dan efectiva conta de que na Xunta non se le a prensa mexicana. Nin a galega. O políticos dos Peares reiterou o compromiso adquirido con Pemex, e concretouno en forma de cifras: 500 millóns de euros e 3.000 empregos directos para a Galiza. A letra do acordo selado coa multinacional coñecerase, di Feijóo, a primeira semana de xullo, cando a equipa directiva da petroleira manterá unha xuntanza coa dos estaleiros do país para concretar "os prezos, os contratos e os inicios dos sete remolcadores" que se construirán, neste caso, en Vigo.

A oferta para Ferrol é sobre a construción de dous buques quimiqueiros, cun acordo que Feijóo tamén dá por pechado e sobre o cal ten moitas dúbidas o naval, xa que ao estar a multinacional participada polo Goberno mexicano ten a obriga de pedir orzamento en diferentes estaleiros do Mundo, alén de que o tipo de buque, quimiqueiro, non é o que se traballa en Navantia. A mediados de xullo remata o prazo para presentar unha oferta, e non se coñecen as características que Pemex quere para os buques.

"O difícil sempre é ter pedidos, o fácil é concretalos. O primeiro, témolo superado, haberá unha solicitude formal vinculante para facer dous barcos quimiqueiros nos estaleiros públicos de Navantia", insistiu Feijóo. Mais puntualizou que "hai que concretar a letra pequena, algo tan elemental como o prezo". Semella entón que esa reunión da que fala o presidente da Xunta é xustamente para falar das condicións do deseño, para que o estaleiro presente, a continuación, un orzamento. Feijóo dixo estar "absolutamente optimista" respecto da posibilidade de que Pemex instale a súa base loxística no porto exterior de Punta Langosteira "antes de outono deste ano".

Comentarios