A Fegein pide "mobilizar as máis de 500.000 vivendas baleiras" da Galiza e promover a oferta pública de aluguer

Fegein reclamou desenvolver un Plan Cooperativo e de Política Social de Vivienda na Galiza.
Bloques de vivendas no barrio compostelán de Vite. (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Bloques de vivendas no barrio compostelán de Vite (Foto: Xunta da Galiza).

A Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein) afirmou esta segunda feira que é preciso "garantir o aumento da oferta de vivendas en aluguer" como un dos "eixos sobre os que debe pilotar a política de vivenda na Galiza". 

A organización apostou por "mobilizar as máis de 500.000 vivendas baleiras", así como "solicitar ao Estado a transferencia sen custo de todas as propiedades da Sareb [Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria] para ampliar o tan necesitado parque de vivendas públicas en réxime de aluguer social", como dúas das principais medidas que, ao seu entender, debería desenvolver o próximo Executivo galego.

Neste sentido, a Fegein reclamou desenvolver un Plan Cooperativo e de Política Social de Vivienda na Galiza, afirmando que "as Administracións estatal, autonómica e local teñen a obriga de coordinarse para tal fin".

A federación insistiu na súa aposta por "ampliar a oferta de vivenda accesíbel desde o fomento da rehabilitación e o aluguer xunto coa promoción de máis vivenda pública". Ademais, a organización pediu un Plan Vive para o conxunto da Galiza e que incida especialmente na emancipación das menores de 35.

"O obxectivo é crear un gran parque de aluguer público de prezo accesíbel para controlar o crecemento do custo de toda a vivenda en arrendamento, impulsando a actividade dos promotores públicos e das cooperativas", explicou o colectivo. 

Así mesmo, a Fegein propuxo "mellorar os procesos de toma de decisións sobre os usos das vivendas distintos ao residencial permanente e sobre as obras de mellora da eficiencia enerxética e de instalación de enerxías renovábeis" a través da reforma da Lei de Propiedade Horizontal.

Comentarios