18-F

33 organizacións do terceiro sector social poñen tarefas ao goberno que saia do 18-F: 10 medidas contra a pobreza e a desigualdade

A Rede Galega contra a Pobreza pon sobre a mesa propostas como triplicar o parque de vivenda pública ou reducir en 10 puntos a porcentaxe de persoas en situación de exclusión.

enchufe_flickr pobreza luz
photo_camera Na Galiza hai unhas 630.000 persoas en situación de exclusión social. (Foto: Nós Diario)

A presidenta da Rede Galega contra a Pobreza - EAPN Galiza, Ana Pardo xunto ao resto da Xunta Directiva, presentaron esta segunda feira o documento Demandas prioritarias para avanzar contra a Pobreza, a Exclusión Social e a Desigualdade.

O texto, acordado polas 33 organizacións do terceiro sector Social galego que forman da rede, recolle 4 principios, 10 demandas prioritarias, 80 propostas de medidas e sobre todo 15 metas concretas que estas entidades consideran imprescindíbeis para o Goberno que emane das eleccións do 18 de febreiro.

Actualmente, na Galiza existen aproximadamente 630.000 persoas en situación de exclusión social, o que se traduce en 1 de cada 4. Ademais,  6,8% destes galegos e galegas atópanse nunha situación de pobreza extrema (182.000 persoas).

Malia que a porcentaxe de persoas en situación de vulnerabilidade reduciuse progresivamente nos últimos 5 anos, as entidades do Terceiro Sector que tecen rede en EAPN Galiza constatan día a día o empeoramento das condicións de vida de moitas galegas e galegos no último ano e os datos de Privación Material e Social Severa publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE) e o Instituto Galego de Estadística (IGE) confirman este empeoramento.

Para a vindeira lexislatura “é factíbel continuar a diminuír a taxa de persoas que se atopan en risco de pobreza e exclusión social na Galiza, contribuíndo a que no ano 2030 se vexa reducida até 14%, tal e como recolle a Meta 11 do Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030”.

Para acadar estes obxectivos, as entidades pertencentes a EAPN Galiza presentan “10 demandas e de obrigado cumprimento nas que destacan especialmente as axudas para unha vivenda accesíbel coa creación dunha Consellería de Vivenda e a recuperación da Tarxeta Básica.

Entre as propostas está a de triplicar o parque público de vivenda na Galiza até chegar ´s 11.400 vivendas en 2028; recuperar a Tarxeta Básica; ou a loita efectiva contra a pobreza e a exclusión en familias con nenos, nenas e adolescentes. Apoiando especialmente ás familias monoparentais, con medidas como á elaboración do Lei Galega da Infancia ou un plan urxente de atención especializada.

O fomento do emprego digno e inclusivo para as persoas que poden traballar, asegurando o acompañamento integral, dende as organizacións do Terceiro Sector Social; manter os servizos sociais básicos contra o despoboamento; ou reforzar medidas de atención e protección das mulleres vítimas de violencia machista; son outras das demandas.

A redución “drástica da burocratización extrema· para facilitar o acceso da cidadanía aos servizos e recursos, e asegurar a coordinación política e técnica entre Xunta de Galicia, Deputacións, Concellos e ONG implicadas; así como o recoñecemento  das organizacións do Terceiro Sector de Acción Social como imprescindíbeis e garantes do sistema de servizos sociais e de acceso ao emprego e a vivenda,.

Comentarios