Facua denuncia que o Goberno español non impuxo multas por venda a perdas

A organización exixe maiores controis do cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria.
Dúas persoas observando os prezos dos alimentos nun supermercado de Santiago de Compostela o pasado mes de decembro (Foto: Arxina).
photo_camera Dúas persoas observando os prezos dos alimentos nun supermercado de Santiago de Compostela o pasado mes de decembro (Foto: Arxina).

As multas por incumprir a Lei da Cadea Alimentaria caeron até os 3.289 euros de media, denunciou Facua esta segunda feira. Ademais, a organización de consumidoras e consumidores lamentou que non se teña sancionado aínda a venda a perdas de produtos.

Segundo a información da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), impuxéronse no Estado só 195 sancións "firmes" desde xaneiro de 2023 até a actualidade, que oscilan entre 1.801 e 42.769 euros, 641.398 euros en conxunto.

En concreto, só sete das multas alcanzaron as cinco cifras e máis da metade (104) reducíronse a 1.801 euros. O motivo máis frecuente é o incumprimento dos prazos de pagamento, sancionado en 128 ocasións, seguido de non formalizar por escrito os contratos alimentarios, causante de 41 das multas.

Pola súa parte, a venda a perdas, práctica prohibida na Lei da Cadea Alimentaria, non foi polo de agora obxecto de ningunha sanción. Por este motivo, a asociación de usuarios e usuarias afirmou que esta falta de sancións é un claro indicador do "reducido" número de controis que está levando a cabo a AICA para lograr detectar este tipo de prácticas.

"Sospeitosos descontos"

Advertiu tamén de que as vendas a perdas poden darse tanto en orixe como nos supermercados, aos que Facua acusa de aplicar "sospeitosos descontos" en certos produtos, que ou ben teñen prezos por baixo dos custos ou ben antes contaban con marxes de beneficio "absolutamente desproporcionadas".

Facua solicita aumentar as investigacións e lembra que o Ministerio de Consumo ten potestade para sancionar estas prácticas e requirir que os supermercados xustifiquen as súas subas de prezos, que non poden deberse a un aumento nas marxes de beneficio.

Comentarios