Demandan o cesamento das comisións bancarias no Congreso español

Nos últimos cinco anos a banca incrementou as comisións nun 60% obtendo por este concepto máis de 14.000 millóns de euros en beneficios. A deputada nacionalista no Congreso español, Rosana Pérez, demandou ao Goberno de Mariano Rajoy que se fixen uns límites máximos para o cobro deste tipo de taxas e que cesen naquelas entidades financeiras que foron rescatadas con fondos públicos.

Feixe de billetes. (Foto: Nós Diario)
photo_camera euros

O mantemento dunha tarxeta de crédito/débito, unha transferencia bancaria ou mesmo o ingreso de determinadas contías nunha entidade na que non se posúe conta corrente son algúns dos conceptos polos que a banca fixa comisións para @s utentes dos seus servizos. Segundo un informe elaborado por diferentes entidades entre as que se atopa o Banco de España, @s clientes de calquera entidade financeira pagan --de media-- arredor de 180 euros ao ano en concepto de comisións. Neste senso, desde os últimos cinco anos, e coincidindo co estourido da crise económica e financeira, a banca española incrementou o custo das comisións entre un 13 e un 60%. As asociacións de consumidores denuncian "a impunidade" coa que as entidades financeiras rescatadas con fondos públicos, continúan a incrementar a contía das comisións.

En 2011 o mantemento dunha conta corrente custaba 42 euros. Este ano incrementouse nun 78% e sitúase nos 75 euros

"Calquera día van cobrar até por entrar pola porta"
O mantemento dunha conta corrente incrmentouse nos últimos catro anos un 37% --segundo os datos tirados polo Banco de España; porén, actividades tan cotiás como retirar cartos dun caixeiro automático custa arestora entre un 13% e un 20% máis do que en 2007. Aliás, as entidades financeiras introducen novos pagamentos que até o momento non estaban gravados por unha comisión, como o cobro de 1,5 euros por fixar o concepto ao desenvolver un ingreso. "Calquera día van cobrar até por entar pola porta", denuncian nas organización de defensa do consumidor e consumidora, abraiad@s pola "impunidade", din, coa que a banca pode "cobrar polos servizos que prestan".

Após anunciaren as institucións europeas e o Goberno español que o sector financeiro recibirá arredor de 100.000 millóns de euros públicos para "sanear" as súas contas, desde a Federación de consumidores/as pregúntanse "como pode ser que leven milleiros de millóns dos nosos petos para taparen a súa incompetencia, e anden a chucharen até o último céntimo de euro d@s utentes?", e exixen que aquelas entidades financeiras rescatadas cesen o cobro de comisións bancarias.

O BNG exixe ao Goberno español que elabore unha norma pola que as entidades rescatadas supriman as comisións

Neste senso, a deputada do BNG no Congreso español, Rosana Pérez, vén de presentar unha proposición non de lei na que exixe ao Goberno liderado por Mariano Rajoy que se estabelezan límites máximos á banca á fin de frear o incremento da contía das comisións. Aliás, emprazou ao executivo español a elaborar e aprobar unha norma pola que os bancos rescatados con fondos públicos "cando menos, eliminen o cobro de comisións por contas correntes ou de aforro", asegurou Pérez, quen considerou "aínda máis censurábel" este tipo de prácticas naquelas entidades "que recibion carto publico" polo que demandou "a supresión de toda comisión".

As comisións máis altas de Europa
Segundo a deputada nacionalista, un informe elaborado pola Comisión europea vén de facer público que as comisións estabelecidas pola banca española son as "segundas máis elevadas de Europa, só superadas por Italia".

A banca española recadou o pasado mes de setembro 14.000 millóns de euros en comisións

No pasado mes de setembro, o sector financeiro español recadou 14.000 millóns de euros en concepto de comisións, superando nun 2% os beneficios obtidos no mesmo exercicio o ao anterior. Neste senso, a Comisión asegurou no devandito documento que os cobros exixidos no Estado español dobraban as comisións alemás e supuñan o triplo do pagamento efectuado en Bélxica ou Holanda, algo que xa foi denunciado en numerosas ocasións polas organizacións e plataformas de consumidores/as.

Comentarios