As execucións hipotecarias sobre vivendas caen un 73% na Galiza durante o terceiro trimestre

Vivendas en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Vivendas en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

O número de execucións hipotecarias sobre vivendas situouse en 44 no terceiro trimestre do ano na Galiza, o que supón un descenso do 73% en comparación coas 163 unidades contabilidades entre xullo e setembro de 2021, segundo datos publicados esta segunda feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Deste total, 40 eran vivendas de persoas físicas e 4 eran domicilios de persoas xurídicas. En todo o territorio rexistráronse até 71 execucións hipotecarias sobre predios, un 77% menos, dos que 44 eran vivendas, 10 eran leiras rústicas e 17 eran terreos urbanos doutro tipo.

Entre outras cifras, só 1 das 44 execucións sobre vivendas correspondeuse a un inmóbel novo, as outras 43 eran en edificios usados.

O obxectivo principal desta estatística é ofrecer trimestralmente o número de certificacións de execucións hipotecarias iniciadas e inscritas nos Rexistros da Propiedade durante o trimestre de referencia. Porén, o INE lembra que non todas as execucións de hipoteca terminan co lanzamento (desafiuzamento) dos seus propietarios.

Datos estatais

No Estado, o número de execucións hipotecarias sobre vivendas habituais situouse en 2.022 no terceiro trimestre do ano, a cifra máis baixa desde o terceiro trimestre de 2020, o que supón un descenso do 13,8% respecto ao mesmo período de 2021 e do 36,1% en relación ao trimestre anterior.

É o segundo descenso que se rexistra nas execucións hipotecarias sobre vivenda habitual após sete trimestres de alzas, sempre segundo datos do INE.

No terceiro trimestre deste ano iniciáronse 4.105 execucións hipotecarias, un 38,3% menos que en igual período de 2021 e un 42,3% menos respecto ao segundo trimestre de 2022. Delas, 3.917 afectaron a leiras urbanas (onde se inclúen as vivendas) e 188 a leiras rústicas.

As execucións hipotecarias sobre predios urbanos baixaron un 37,3% interanual no terceiro trimestre e un 41,7% en relación ao trimestre anterior. Dentro das leiras urbanas, 2.884 execucións corresponderon a vivendas, un 29,9% menos que no terceiro trimestre de 2021 e un 37,2% menos respecto ao trimestre anterior.

Comentarios