A Galiza contabilizou 458 desafiuzamentos e só 31 demandas de ocupación ilegal no segundo trimestre de 2022

Entre abril e xuño tiveron lugar no país 14,8 desafiuzamentos por cada ocupación ilegal.
Vivendas en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Vivendas en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) fixo públicos esta cuarta feira os datos do informe Efectos da crise económica nos órganos xudiciais. Desas cifras despréndese que os xulgados galegos practicaron entre abril e xuño de 2022 un total de 458 procesos de desafiuzamento, mentres que só atenderon 31 demandas por ocupación ilegal de vivendas.

Os datos publicados polo TSXG -14,8 desafiuzamentos por cada ocupación ilegal- contradín as advertencias lanzadas por formacións políticas como o PP sobre a “crecente ameaza” da ‘okupación’ nas cidades e vilas do país.

Neste sentido, os desafiuzamentos deste período aumentaron 2,5% con respecto do segundo trimestre de 2021. Do total, 376 debéronse ao impagamento de alugueres (82%), o que supón un aumento de 9,6% en relación ao pasado ano. Dos 82 desafiuzamentos restantes, 74 corresponderon a execucións hipotecarias -16,9% menos que en 2021- e oito a causas sen especificar.

Estabelecendo a relación destes datos co número de habitantes do país, na Galiza rexistráronse case 17 desafiuzamentos por cada 100.000 habitantes. En canto ás ocupacións ilegais, contabilizáronse 1,2 por cada 100.000 persoas.

Vivendas baleiras na Galiza

Segundo o último censo oficial do Instituto Nacional de Estatística (INE), na Galiza hai perto de 300.000 vivendas baleiras. Unha cifra que a Federación galega de empresas inmobiliarias (Fegein) elevaba a principios de 2022 a máis de 340.000.

Isto supón que só a Galiza representa entre 18% e 20% do total dos domicilios existentes no Estado español, sendo a porcentaxe máis alta, e 3% do conxunto da Unión Europea. Porén, a poboación da Galiza só representa 0,5% do total de habitantes da UE.

Poñendo en contexto estes datos, a Galiza presenta os mesmos inmóbeis baleiros que Grecia -2,7 e 11 millóns de habitantes respectivamente-, e a metade de vivendas baleiras que o Reino Unido, que conta cunha poboación de máis de 67 millóns de persoas.

Comentarios